E scribo desde lonxe, quizais desde demasiado lonxe. Levo once anos na emigración e nunca me chegaba o momento de volver a Galicia. Falo no pasado porque xa non teño esa ansia. Nos últimos anos, cando vou só atopo unha marea de queixas e laios por todos os sitios: que non me dan isto, que o Goberno nos sacou aquilo, que o Concello non fai aqueloutro, que o hospital non me fai non sei que proba, que a farmacia cobra por non sei que, que a Universidade non me promociona... Laios, lerias e máis lerias.
Nacín nas aforas de Ferrol, nun sitio feito por labregos reconvertidos a obreiros; meu pai nunca fixo o bacharelato, pero fixo de todo: ferrar cabalos, facer fouciños, foi garda forestal, apadriñar xitanos, e poñer luz nas casa, por iso lle chamaron Pepe da Luz; miña nai, Carmen da Luz, tampouco fixo o bacharelato. Cosía desde nova polas casas e con 15 anos camiñaba 10 quilómetros coa máquina de coser na cabeza para ir traballar só polo xornal e o caldo. Nunca traballaron nun posto do Goberno, no meu barrio ninguén o facía, só os cabos da Mariña, xa que os meus veciños non chegaban a sarxentos. Isos xa non vivían na Gándara do ano 61.
Nunca escoitei na casa nin fóra dela a ninguén unha queixa sobre a súa vida, non digo que non a tiveran, digo que non recordo a queixa como modo de vida. A xente traballaba no que podía, se podía, claro. Si recordo a solidariedade, como cando se fundían as placas e tellados das casas e os veciños axudaban, ou cando se lle pedían os cartos a un veciño ou familiar para facelas. Os meus veciños non tiñan contas nos bancos, non tiñan cartos para iso.
Esas familias fixemos Galicia, é dicir, tamén a fixemos. Non se esperaba moito dos demais, cada quen cumpría coa súa encomenda, se facía falta botábase unha man, pero non se facía da queixa unha forma de vivir; se acaso alguén tiña unha cuita, para iso estaba a misa das 12 da mañá dos domingos.
Moitos marcharon para a emigración, daquela Suíza era o destino; non se falaba de fuga de cerebros nin desas lerias tan publicitadas agora; como se os que marcharon antes non tiveran cerebro, velaí México, Arxentina, Venezuela, Brasil... onde se poden atopar feitos dabondo dos cerebros galegos de antes, a bo fe que os había; a xente, os que saían e mailos que quedaban, choraban, claro que choraban, pero en calado e para eles, non se facía bandeira da emigración, pero a emigración si fixo patria e tamén escolas unitarias. Cando puideron, volveron, sen ruído, a traballar outra vez, moitos agradecidos aos países onde estiveran, e a continuar a súas vidas, que non é outra cousa que facer Galicia, sen esperar moito e tampouco sen pedir moito ou nada. ¿Que nos pasou? ¿Que fixo que nos convertéramos nunha sociedade de queixa perpetua e baldía, e que fixeramos desa queixa o noso xeito de vida?
Joaquín Lado es Catedrático de Endocrinología del Texas Tech University Health Sciences Center.