A burra do conto

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Seica algúns non entenderon a referencia á burra do conto popular que faciamos ao final do artigo da semana pasada. Admírame a ignorancia porque a historia é ben coñecida. O propietario do animaliño, por aforrar, e seguindo o consello de especialistas en estratexias de máximo rendemento, descubre que pode reducir o gasto de mantemento (herba, cuidados, atencións básicas, infraestruturas, sanidade, hixiene) e facer que a burra siga traballando (producindo) igual que antes. Cada vez dálle menos de comer, un pouco menos cada día, e o paisano observa que a burra non só non deixa de traballar senón que acaba afacéndose á ración escasa, e aínda así segue turrando do carro, co conseguinte aforro de custos. Tan ben resulta a cousa que a burra mesmo acaba renunciando á comida, ¡ouh, miragre!, porque xa non lle entra nada, e non obstante empuxa, turra do labor, segue producindo, ata que un día, cando van buscala á corte, atópana morta, rebentada. Acabouse o negocio. ¿Ata onde podemos apurar as políticas da chamada «austeridade» (redución de recursos) en que estamos empeñados? Pode parecer unha simpleza, pero a situación é moi semellante á historia do conto. O único erro do relato é pensar que un paisano poida facer tal cousa.

O paisano sabe que para que o animal produza cómpre alimentalo. A ignorancia é dos que pensan que tal fórmula é viable. E sospeito que, se alguén non o remedia, o final do conto pode ser exactamente o mesmo. Redución de recursos, mingua de investimentos e incentivos públicos, novos reaxustes salariais, aumento de cargas fiscais, aniquilación progresiva do chamado Estado do benestar e das coberturas sociais.

Tales son as recomendacións dos especialistas, instalados no discurso neoliberal da competitividade e o adelgazamento. As familias terman da crise. As clases medias, asalariados, pequenos empresarios e funcionarios sobre todo, están a sufrir un dos castigos máis fortes que se recordan. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres (a fenda social). Os investimentos de formación de capital humano (educación) merman todos os anos, por máis que os enxeñeiros contables arranxen os números para facernos ver outra cousa. A capacidade de consumo diminúe aceleradamente.

A burra do conto, que non protesta, afaise a comer un pouco menos cada día. ¿Ata cando? Falo de nós, da Galicia que se ensume (e consume). A crise demográfica ten moito que ver con isto. ¿Que xente nova se pon a ter fillos ou a estabilizar unha familia nestas condicións? ¿Que atractivos ten a realidade para manter o necesario crecemento? Falo de nós e dos nosos dirixentes, por suposto. Mais falo sobre todo do modelo: a fórmula que domina o actual discurso económico, e que vai máis alá da realidade galega e mesmo da realidade española, escenarios menores do gran tinglado global, que non controlamos, e no que apenas participamos.

Isto é o que deberíamos poder discutir nas eleccións europeas do mes de maio.