Facendo contas coa formación para o emprego

Maica Bouza Seoane TRIBUNA

OPINIÓN

20 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

N o ano 2012, último do que se dispón de datos desagregados, destináronse 2.154 millóns euros á formación para o emprego (1.890 procedían da cota de formación profesional, 100 do FSE e 164 do Estado). Primeira observación: a formación profesional para o emprego non se financia con fondos públicos, senón maioritariamente (88 %) cos recursos achegados pola empresas (0,6 % das bases de cotización) e polos seus traballadores e traballadoras (0,1 % destas bases). Dos 2.154 millóns, o Instituto Nacional das Administracións Públicas xestiona 61; a Fundación Tripartita, 808; as autonomías executan 746; o programa Prepara, 525 e o SEPE, 4.

Segunda observación: a Fundación Tripartita (en cuxo padroado participan CC.OO., UGT, CIG, CEOE, Cepyme? e o Estado a través do SEPE) xestiona só un 36 % dos recursos. Dos 808 millóns xestionados pola Tripartita, o 70 % van directamente ás empresas. O resto xestiónase mediante convocatorias públicas nas que rexen os principios de concorrencia, transparencia, obxectividade e igualdade. No 2012, CC.OO. xestionou no ámbito estatal uns 27 millóns de euros, isto é, só o 1,2 % dos recursos.

Terceira observación: os grandes beneficiados polos recursos da formación son os alumnos e alumnas dos cursos, mentres que os sindicatos somos simples xestores de subvencións finalistas. Os recursos para a formación han superar os controis -internos e externos- da Inspección de Traballo, do Servizo Público de Emprego, da Administración Xeral do Estado, das autonomías, do tribunais de contas e dos tribunais de Xustiza.

Cuarta observación: os recursos da formación para o emprego non se gastan de xeito discrecional e están fortemente inspeccionados.

Unha vez acoutado quen é quen na formación para o emprego, cómpre dicir que en CC.OO. traballamos por un novo modelo de formación para o emprego que garanta o dereito individual á formación tanto para atopar traballo como para desenvolver unha carreira profesional. Un modelo en que convivan as competencias das diferentes Administracións, no que cooperen as áreas de educación e emprego e no que existan sistemas integrados de información e orientación. En definitiva, un esquema que supere a formación xeneralista, que só persegue a bonificación da cota de formación por parte das empresas e non mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras. Débese evitar que a representación legal dos traballadores e traballadoras nin sequera sexa informada, polo que ha estar vinculada á negociación colectiva, con participación das organizacións sindicais, empresariais e as Administracións, para resultar eficaz, eficiente, transparente e avaliable, capaz de adaptar a formación aos cambios que se produzan.

As organizacións sindicais somos e debemos ser parte do modelo, porque os recursos con que se financia esta formación proceden das empresas e dos traballadores e traballadoras.

Por iso, CC.OO. non vai renunciar a participar no goberno da formación que se realiza con eses recursos, polo que reivindicamos a nosa presenza activa na planificación, xestión, impartición ou avaliación permanente. Apostamos por un novo acordo no ámbito da formación para o emprego que xere un marco estable e garanta o dereito individual á formación.

Maica Bouza Seoane é Secretaria de Emprego de CC. OO.