Isto é certo: moi preto de Sochi, onde mañá rematan os Xogos Paralímpicos de inverno, Vladimir Putin ten un pazo de verán e nese pazo hai un despacho que é unha réplica exacta doutro que ten no Kremlin. Deste xeito, Putin pode dar a impresión de que está ao pé do temón en Moscova mentres en realidade está de vacacións nas beiras do mar Negro. Coa súa coñecida atención ao detalle e a súa formación profesional de espía cabe imaxinar que fai unha foto de como queda un despacho antes de coller as maletas para ir ao outro. Así pode deixalos idénticos quitando un libro aquí, recolocando un cadro acolá, limpando unha mancha de café? Iso si, se atendemos aos precedentes da literatura rusa, existe o perigo de que lle suceda como a Goliadkin, o personaxe de Dostoievski: que un día chegue antes de tempo a un dos seus despachos e se encontre co seu dobre, outro Vladimir Putin co que teña que librar unha loita existencial.
De feito, en certa maneira, o pazo de Putin ten á súa vez unha réplica no mesmo Sochi, onde se atopa a que foi a dacha favorita de Stalin. O ditador adoraba Sochi polo doce clima subtropical, as troitas e o viño xeorxiano; por iso se fixo construír unha gorida secreta ao pé das montañas do Cáucaso. É un lugar irreal: os edificios, de madeira, están pintados completamente de verde chícharo para facelos invisibles entre a maleza. Cando visitei o sitio deume a impresión de que se aparecía maxicamente entre os cipreses, como a cachopa de Baba Iagá, a bruxa dos contos rusos. Hoxe é unha especie de hotel-museo no que un pode pasar a noite e durmir na cama de Stalin, admirar o seu xadrez xigante, fumar do seu tabaco de Herzegovina ou botar unha partida de billar co seu taco lastrado con chumbo. O propio Stalin estaba sentado fronte a mesa de castiñeiro co seu uniforme verde, lendo tranquilamente o Pravda. Claro está que era un Stalin de cera pero o seu espírito parecía flotar no lugar, entre outras cousas porque a encargada convocábao con historias dubidosas pero evocadoras: a mesa de billar está inclinada a propósito, dicía, para que Stalin puidese gañar sempre. Non había alfombras, dicía tamén, porque Stalin quería escoitar o renxer do piso por se alguén se achegaba -é un clásico da ficción turística: teño escoitado a mesma historia noutras residencias de tiranos en Xapón e en Suecia.
¿Viñera Putin algunha vez visitar o sitio? «Nunca», respondeu a responsable do hotel. E é fácil comprender por que. O presidente ruso mantén respecto a Stalin unha ambigüidade calculada. Intenta reivindicar os seus logros condenando os seus crimes, cando a tiranía consiste en facer as dúas cousas inseparables. Igual que ten un duplicado do seu despacho, Putin ten un duplicado da historia de Rusia. O seu temor a visitar a Casa Verde de Stalin en Sochi é comprensible. Se pasase alí unha noite existiría o perigo que a figura de cera cobre vida e se cruzase con el nun corredor. No fondo, é o mesmo medo de atoparse co dobre, como no conto de Dostoievski. Abondaría mesmo con que escoitase o ruxido duns pasos sobre a madeira do chan.