O teatro a falar de nós

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Déixenme que fale de teatro agora que saíu o sol, que houbo sesión no Parlamento e que parece que os pesadelos pasaron, que España vai ben, que xa non hai paro, nin salarios baixos, nin persoas empobrecidas, nin xente que quedou sen casa. Teatro, esa arte que lembra o que somos, e que insiste en que a crise segue aí, arramblando cos escenarios, cos cómicos e con nós todos que quedamos sen eles. E aínda así, sobrevive.

Dei en pensar na supervivencia do teatro ante unha efeméride que corre risco de pasar desapercibida: o CDG, o noso teatro nacional, fai 30 anos neste 2014 e parece que só uns poucos pensamos en que isto di algo bo de nós, dos nosos artistas e, por suposto, desta cultura galega que algúns tanto aborrecen.

Para celebrar este aniversario, no CDG tomaron unha curiosa decisión: estrear o 22 de marzo A longa viaxe cara á noite, o texto máis complexo e ambicioso do nobel estadounidense Eugene O'Neill. Si, a min tamén me sorprendeu esta opción por un dramaturgo doutro tempo, malia a súa importancia, autor dun teatro que pode semellar gastado. Porén, velaí está o teatro a falar sempre de nós e a rescatarnos dos espellismos. A obra de O'Neill, convenientemente arranxada para esta montaxe, fala de familias rotas que, coma esta Galicia triste, sobreviven nunha tensa farsa; fala de fillos desocupados e perdidos; fala de triunfadores vindos a menos e de mulleres desfeitas no seu rol de nais e esposas baleiras. Quizais o talento sexa iso, escribir nos anos cincuenta os dramas de hoxe e demostrarnos que, malia o sol, malia marzo, e malia as aparencias dos políticos, levaremos a crise dentro durante anos.