A necesidade primeira

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Nunca se chegou a pechar o debate sobre a situación da investigación en España, porque sempre pareceu insuficiente. Paréceme unha petición xusta, a de facer investimento neste campo, pois sen el, dificilmente poderemos avanzar ao xeito. Pero debemos ser conscientes de que contamos con males maiores. Falo ao fío das palabras de Isabel Oriol, presidenta da Asociación Española contra o Cancro. Asegura que o financiamento público para este campo tan importante está en risco, practicamente en números vermellos, polo que moitas institucións recorren a eles, ao sector privado, en busca de axuda.

É o momento da sociedade civil. E aí demos coa pedra: é moi difícil que as empresas fagan achegas de maneira desinteresada. Son empresas. Dáme moita mágoa que esteamos nesta situación, pero máis aínda que haxa enfermos que teñan que elixir entre comer alimentos frescos ou mercar medicamentos. Non se refiren aos tratamentos directos da enfermidade, a conta da Seguridade Social, pero si a fármacos de copago para paliar a dor e levar mellor a doenza. Son reticente a tomar medicinas, e só o fago cando a dor aperta moito ou resulta de necesidade, creo que un dos avances maiores desta sociedade é a da mellora da saúde. Cando esta compite coa fame? mal vai o conto. Os maiores que se queixan, fano porque lles doe nas entrañas. Cando a fame compite con isto, xa non sabería distinguir cal é a necesidade primeira, pero si sei que un Goberno debe cubrir ambas no país.