Rexistrar o corpo de muller

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda non inscribín o corpo no rexistro da propiedade. Hei facelo, porque o meu corpo, coma o de cada cidadán, é meu non só para decidir sobre o aborto, senón tamén para decidir sobre a vida e a morte, pasar dor, trabucarme, estar triste e ser feliz.

E aínda que é obvio que o corpo é de cadaquén, hai quen quere apropiarse de corpos alleos a través da lei. Esa protesta do rexistro trata, xustamente, de defender ese anaco de liberdade individual, non só de amosar o desacordo con esta lei sobre o aborto que en realidade se chama «de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada».

Nesa orde de prioridades: primeiro quen non naceu, despois un contedor, un simple útero ao que, malia pagar impostos, Seguridade Social e cumprir coa lei, lle arrebatan dereitos para protexer ao que nin paga, nin é persoa xurídica, nin sabemos se será un asasino psicópata.

Aínda así, todo isto podería dar que pensar a certo feminismo para quen a identidade da muller se basea no biolóxico. Desde ese punto de vista, seríamos mulleres porque podemos parir e aleitar. Sen dúbida, tamén para ese feminismo o aborto é decisión da muller dona de desenvolver ou non os atributos que a natureza lle outorgou como identidade.

Pero cada vez estou máis convencida de que eses que nos queren obrigar a cederlle ao Estado os corpos e as vidas se apropiaron dese discurso da maternidade como forma de identidade, e por iso nos venden esta lei coma un favor para garantirnos a nosa esencia como mulleres. Non vaia ser que a perdamos se decidimos non parir os nosos fillos, como fixemos cando empezamos a pór pantalóns.