Discriminacións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ás veces un cae na falsa percepción de que só hai un tipo de discriminación, e por desgraza, ante a mesma situación pódese facer uso de distintas delas.

Discrepo en que a peor de todas sexa a máis agresiva, a directa, a que non se agocha e resulta ben desagradable a primeira vista. Coma naqueles tempos nos que aos nenos que falaban galego na escola dicíanlle o de «Te voy a lavar la boca con jabón». Ou a escoitada infinidade de veces: «Muller tiña que ser».

Pois ben. Con toda a malicia que isto posúe, hai situacións ben peores.

Seguramente agora estean a pensar niso da discriminación positiva. Pois tampouco. Enténdoa perfectamente ao chegar a unha situación tan preocupante que accións que poidan ser acusadas deste enorme delito, parécenme ata tenras. Debe ser que unha sempre ten tendencia a axudar ao desfavorecido.

Eu refírome á discriminación difusa. A máis nociva de todas por resultar moi complicado dar con ela. No caso da lingua, por exemplo, é unha actitude pésima facer que non se ve. É dicir, permitir que siga existindo a discriminación lingüística, a indiferenza, a subordinación e o abandono da lingua, e manterse á espera, agardando que o tempo faga o que resta, que é a desaparición. ¡Vaia se a hai!

Cos políticos, corruptos, infantas, cónxuxes e demais, está a pasar algo polo estilo. Pero os discriminados somos os cidadáns de a pé, que fagamos o que fagamos sempre levamos as de perder, perseguidos por Facenda, a Xustiza e o peso da vida. Ao calado. Estou farta. E esgotada.