Redución do custo

Paula Prado

OPINIÓN

12 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

As familias e as empresas galegas están a facer axustes na súa economía para poder saír adiante neste momento de crise. Esta é a sociedade que está representada no Parlamento e por iso a Cámara ten que estar en sintonía e sumarse a este aforro cunha redución dos deputados, respectando a representatividade existente tanto dos grupos políticos como das provincias. Este é o obxectivo final da reforma da lei electoral promovida polo PP que se atopa en tramitación no Parlamento. Unha norma que non cambiaría para nada a representación política que saíu do voto dos galegos en todas as eleccións autonómicas: na Cámara convivirían as mesmas formacións e a Xunta estaría en mans dos mesmos Gobernos, tanto do PP como, no seu día, do bipartito formado polas forzas da esquerda. Dáse a circunstancia de que, cun Parlamento de 61 deputados e cos resultados electorais de 2012, as minorías verían reforzada a súa presenza na Cámara: o PP perdería 9 escanos, o PSOE baixaría 4, o BNG reduciría 1 e AGE mantería todos os seus representantes, co que podería seguir escindíndose para crear novos grupos mixtos. Agora procederase ao debate en comisión e o Grupo Popular manterá a inicial actitude de consenso para negociar e incorporar propostas da oposición que manteñan o espírito da reforma: a redución do custo que supoñen as Administracións públicas para os cidadáns, mantendo a representatividade política e territorial.

Paula Prado é portavoz do PP.