A declaración da infanta

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Alí cada un arrimaba a brasa á súa sardiña: os republicanos exhibindo as súas bandeiras, igual que os que sofren un ERE ou os ecoloxistas contra as prospeccións en Canarias. Todos chamando a atención para defender os seus intereses. Se houbo algunha pancarta pedindo xustiza, na TVE non a mostraron. A chegada do xuíz, demacrado e con aspecto de cansazo, fíxome pensar neses heroes á forza, persoas ás que as circunstancias e a dignidade persoal colocan nunha situación que, ou se botan para atrás e quedan como marionetas dunha farsa ou arriscan a súa posición social e o seu traballo.

En canto á infanta, a súa aparición recordoume a actitude dalgunhas aristócratas francesas cando eran conducidas á guillotina, que, desprezativamente, abrochaban unha luva de encaixe ante os ollos da multitude, como signo da súa distinción e señorío. Tiña unha aparencia tranquila e sorría. A min o sorriso non me gustou, daba a impresión de que aquilo era un trámite molesto pero sen consecuencias, e que ela estaba por riba da situación.

Penso que a situación merecía un semblante serio. Non estaba alí por ser filla do rei, senón por presunta colaboradora dun acusado de moitos delitos. O sorriso neses casos sobra.