Moito peor ca un dentista

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 feb 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Non coñezo a ninguén a quen lle guste ir ao dentista. Tampouco é que me supoña ningún trauma, pero recoñezo que a sensación de que che anden fozando con diverso instrumental, por moito coidado e medidas profilácticas utilizadas? agradable, o que se di agradable, non resulta. Máis de un ten sufrido un esvaecemento ao someterse á extracción dunha moa. Pois supoñamos que en lugar dunha moa, que é un apéndice case externo, de fácil cicatrización, que se ve e un pode controlar e que un non vai botar moito en falta se queda sen el, ademais de que se pode substituír cun implante... supoñamos que sexa algo máis íntimo, e persoal, algo que ten agarrado con todas as forzas ás súas entrañas, algo que vai medrando e mudando, alimentándose de vostede. Entenderán que desprenderse de algo así, será máis complicado aínda. Se incluso o teñen que extraer a través dun órgano moi íntimo... pois imaxínense. Eliminando todo sentimentalismo, iso é un aborto. Agradable non parece. Ninguén se vai someter a el sen pensar nestas consecuencias, como mínimo. Tardei en escribir sobre o tema, a pesar de ler moitas liñas ao respecto, porque a opinión sobre esta opción é tan tremendamente persoal, que non quero entrar nela. Cada muller que opine, sinta e obre segundo o seu mundo interno diga, que non sexa un ministro quen decida.