Neste debate sobre a cuestión catalá hai pouca democracia, menos política, demasiada historia, pouco presente e futuro confuso. Isto último non porque a independencia de Cataluña sexa imposible, todo o contrario, senón polo que significa. Endebén, o máis importante polo de agora é a paciencia, o respecto entre os poderes e cara ás normas ou as posibilidades de diálogo que aínda están derriba da mesa, a diferenza do que aconteceu no pasado. Nin a Generalitat cometeu ningunha ilegalidade nin o Estado perdeu razón.
A vontade xeral é a democracia e non está sometida a norma previa; ao revés, é a que define a lei: é anterior e constitutiva por si mesma. Tamén é histórica e muda co tempo pois o contrario sería negar a evidencia da historia coñecida. Por iso en democracia non pode -non abonda- apórlle a lei á vontade colectiva, porque como neste caso pode acontecer que as leis actuais sexan o problema e non a solución. A actual Constitución é unha forma de concreción histórica da democracia, non unha lei divina, non unha condena inmodificable e se, como interpretan tantos, impide aquí e agora unha expresión democrática como a catalá, daquela o asunto só pode resolverse precisamente con democracia e expresión da vontade xeral. O problema reside en quen expresa esa vontade, pero a non ser que entendamos a nación como unha esencia inmutable estamos precisamente diante dun problema constitucional de como se configura a comunidade política (así o entenden os colegas latinoamericanos por razóns obvias). A disputa é aínda dialéctica pero pouco política: o Estado abandonou as propostas para apelar á esencia inmutable do artigo 2, mentres en Cataluña estase a substituír a política pola emoción -que só é unha parte dela-.
As palabras chave desta disputa soberanista foron perdendo vixencia nos últimos cen anos: separatismo evoca unha das razóns da guerra civil de hai 80 anos, segundo estudamos a metade das xeracións actuais; secesión soa á guerra entre o norte e o sur dos Estados Unidos a mediados do século XIX e asociámola á abolición da escravitude. Soberanía nacional ven de ocupar a nación, soberana, o lugar do rei como máximo poder. Cando isto aconteceu e para evitar dúbidas, na revolución francesa -e antes na inglesa-, cortáronlle a cabeza ao rei e na española de 1812 aproveitaron a súa ausencia para ocuparen as Cortes o seu lugar. A recuperación do termo soberanía ven substituír a conceptos do século XX como autogoberno ou autodeterminación, empregados no Estado español polos nacionalismos maioritarios, mesmo os minoritarios falaban de independencia, non de soberanía. Perde así valor o futuro a prol dunha historia convertida en obriga e inercia, pois neste presente o auténtico Estado regulador é a Unión Europea: o español administra oropeis, subvencións, identidades e espazos de comunicación, en competencia coas autonomías das nacionalidades. A sensación de baleiro, de que todo cae baixo os pes explica algunhas reaccións que mellor serían substituídas por reflexividade e entendemento, non só en canto acordo senón en canto a comprender que está a pasar e por que.