Máis vale tarde que nunca

Ramón Yáñez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

31 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

¡Por fin se concreta o encargo do ditoso flotel para Pemex en Navantia! Contratación que eu daba por feita nas páxinas de La Voz hai xa bastante tempo porque os demais concorrentes que ficaban na chamada listaxe curta eran empresas irrelevantes e Navantia tiña unha posición tecnolóxica máis sólida e contaba ademais cun decidido apoio gobernamental. Noraboa aos traballadores de Ferrol e Fene, porque teñen pelexado con teimosía por este contrato, prometido polo señor Núñez Feijoo no 2012, naquela altura candidato á presidencia e hoxe presidente da Xunta de Galicia.

Di o refraneiro popular que nunca é tarde se a dita é boa. Sen dúbida, é boa pero... ¿en que medida o é? Nada máis lonxe da miña intención que avinagrar a festa, pero gustaríame salientar que debería precisarse, sen que ficaran dúbidas, o seu alcance real sobre a actividade, o emprego e os resultados de Navantia. Nas primeiras novas sobre este contrato falábase dunha ocupación de 800.000 horas, agora parece ser que se estiman 1.100.000. Segundo o caso, suporía traballo para unhas catrocentas ou cincocentas oitenta persoas, durante un ano. Non daría traballo para mil persoas durante trinta meses. Todo parece indicar que o comunicado que o 29 de xaneiro se deu a coñecer está inflado en horas para maior gloria política. Menos mal, porque se as cousas foran como se ven de dicir a ocupación superaría os catro millóns e medio de horas e a desviación negativa en custes sobre o prezo pactado sería, sen dúbida, moi cuantiosa xerando importantes perdas que empeorarían aínda máis a xa moi delicada situación patrimonial da compañía.

O tempo ha dar e quitar razóns, pero gustaríame insistir na idea de que o contrato non é a solución aos problemas de Navantia na ría de Ferrol, que segue na uci, con respiración asistida. O flotel é só un parche para dar ocupación durante un ano a menos da metade do seu cadro de persoal. Non serve tampouco para dar emprego aos 3.600 traballadores despedidos da industria auxiliar.

En todo caso, debería aproveitarse este proceso de respiración asistida para definir que facer co enfermo. Un tratamento verdadeiro debería atacar as raíces do problema, sen ficar en medicamentos placebo. Os síntomas son coñecidos, taxa de reposición nula na Armada española, dificultades para acadar novos contratos no mercado internacional de construción militar, xestión moi centralizada e deficiente en mans de políticos designados polo partido de turno, incapaces para aumentar a produtividade, cortar a sangría das perdas en Cádiz e Cartagena, e posicionar á compañía en mercados de futuro.

Os políticos galegos, que tanto se glorian do conseguido, deben seguir a esixir a Madrid que se apliquen en Navantia os remedios acaídos. Dende Galicia cómpre insistir nas ideas dunha maior descentralización, na construción dun novo dique de dimensións mínimas 400 por 90 metros para manter a capacidade de reparacións, na de axeitar o departamento de turbinas para actuar no emerxente mercado da eólica mariña, e na de preparar sen pausa a reaparición, sen limitacións, no mercado da construción naval civil da antiga Astano, liberada ¡por fin! do pernicioso veto imposto no 2005. O 2015 está á volta da esquina e moitos operadores do mercado offshore seguen a insistir en que o futuro pode, e debe, ser esplendoroso para o estaleiro de Fene. Non sei se integrada en Navantia, ou segregada dela e repescada para o patrimonio público galego para que poda ser ofrecida en aluguer a aquel operador que mellores condicións ofreza en materia de actividade e emprego.

Ramón Yáñez es Profesor honorario da Universidade da Coruña.