Unha máis que se vai

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha rapaza de Vilagarcía escribe nun xornal : «Eu dicía: ??Xamais vivirei en Londres??, e agora digo: ??Ao final vivirei en Londres??. Voume porque xa non teño outra opción». Os nacidos na postguerra de pais traballadores vivimos unha nenez e unha xuventude dura, pero non nos decatabamos porque non coñeciamos nada mellor. Viaxabamos de Mondoñedo a Lugo nun autocar chamado O Rápido que tardaba tres horas e media en percorrer 60 quilómetros e que apestaba a gasolina. Eu vomitaba todo o camiño. E coma iso era o resto. Fumos á universidade, pero para aprender idiomas saíamos no vran a campos de traballo, ou au pair en familias. Eu fun a París a ocuparme de dúas nenas. Un compañeiro de curso foi recolectar fresas a Normandía. Volveu derreado, sen saber francés, pero con rudimentos de árabe que aprendeu dun marroquí co que compartía traballo e aloxamento. Algúns fóronse, como Miguel Cabanela, que tamén é de Mondoñedo, e que xa saben a onde chegou. Os que ficamos aquí non o fixemos mal de todo, dadas as circunstancias. Nós puidemos escoller, hoxe a xente nova non pode, malia ser a xeración mellor formada e capacitada dende a postguerra. Marchan obrigados. Este exilio é unha perda irreparable para o país, e unha gran dor para os que un día escollimos quedarnos. Con eles vanse moitos dos nosos soños. ¡Boa sorte, rapariga!