O mar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

De novo unha marea varrendo vidas. Lembremos a Tomas Velicky e aos tres policías que arrastrou consigo ao mar profundo. Ese día espertei antes de raiar o sol co son dos helicópteros. O corazón encolléuseme nunha presada ben pequeniña. Pasei días sen poder respirar fondamente, dosificando o aire. O mar arrampla ata con iso.

Mentres, a memoria bulando na cabeza. Na familia levamos varios desaparecidos. O mozo que foi coller percebes cun amigo, e os dous só volveron xuntarse cando un cadaleito agardou a medio camiño polo outro. Poucos esgarros hai coma ese. Tamén o pai que esvarou golpeado por unha onda e caeu mentres pescaban. Pelexou contra as ondas para volver ás rochas, pero o mar xa o levara consigo. Tirou das últimas forzas para despedirse do fillo ao que agarraban outros compañeiros, que vía coma as poutas do inmenso océano o levaban sen remedio. Afundiuse a man, e desapareceu.

Por ambos agardamos pacientes a que o mar devolvese o corpos. Por sorte, fíxoo, momento no que a traxedia volve repetirse. Aparece por vez primeira cando os come a auga, e revive ao ceibalos. Ás veces trágaos sen volta.

O mar é así. Está feito de tombos. Non ten camiños. Corre lixeiro a devorarnos. Ronca. Funga. Ruxe. Azouta os cantís. Faise grande. Envolvente. Implacable. Inmenso. E nós, diminutos.

Mais non é traizoeiro. Avisa. Coma as linguas de lume, pero de auga e sal.

¡Cantas veces permanecemos absortos mirando as lapas, sen achegamos por non queimarmos! Moitas! Pois miremos igual a marea, de lonxe.