A monarquía dos Magos

Inma López Silva< / span> CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Na noite do 5 de xaneiro de 1984, miña nai fixo espaguetes para cear. Coma sempre, o rei Melchor chamoume desde Barajas para avisarme de que comezaban a distribución, e a min fóronseme de golpe as ganas de comer. Daquela aínda non me atrevía a aproveitar a chamada para pedirlle o barco pirata dos clics, e el aínda non tiña comigo a confianza que ten agora para dicirme que, en realidade, cando son mala son mellor.

Pero esa noite o tempo abriuse e eu vin os Reis. Alí os estaban mentres eu, morta de medo, me fixen a durmida xusto despois de miralos por unha regandixa das sabas e velos coas súas coroas brillantes, as súas barbas e as súas luvas brancas, mandándose calar os uns aos outros, cando tropezaron con Baltasar, ao que lle enganchara a capa de armiño nos pés da miña cama. Teñen que crerme.

Esa noite deixáronme a bici encarnada coa que saio en todas as fotos daqueles veráns de soles intensos nos que a lembranza dos Reis no meu cuarto abondaba para ligar.

Por iso, desde os 5 anos e ata que morra, só son súbdita dos Magos de Oriente. Se queren facerse súbditos destes Reis, recoméndollelos. Nós non temos crise da monarquía, basicamente porque non deixamos que nin Melchor, nin Gaspar, nin Baltasar teñan familia, fagan negocios nin moito menos que vaian de caza por aí.