D ebemos levala gravada nos xenes: a esperanza. Dende os remotos tempos das cavernas, cando o Homo sapiens, ou quizá aínda antes, cando o Homo habilis agardaba tremendo o nacemento do sol, o milagre cotiá que o liberaba do terror das tebras nocturnas. Dende aquela o ser humano vén celebrando o renacer dun novo día, dunha nova primavera. O novo día era o trunfo da luz sobre a escuridade e así seguimos a velo; a primavera era o trunfo da vida, que agroma en forma de follas e de flores, sobre a morte invernal; e así a sentimos aínda, dun xeito irracional e primitivo, que pouco ten que ver coa realidade actual.
A celebración do novo ano é máis moderna, pero ten as mesmas raíces ancestrais. Como os nosos antepasados das cavernas, pensamos que o novo ano vai traer un cambio nas nosas vidas: imos saír da penuria para entrar na abundancia; imos superar as dificultades; seremos quen de facer aquilo que non fixemos ao longo de todo o ano e de todos os anos da nosa vida. Ese ser primitivo que levamos agochado no máis fondo de nós ten esperanza malia todos os pesares. «Non hai mal que cen anos dure» acuñou a sabedoría popular. Nin o diluvio puido con ela: «Nunca choveu que non escampara»...
A esperanza é o gran don que recibiu a humanidade. Que non se apague esa luz: ese e o meu desexo para todos neste comezo de ano.