Insubmisas

¿A quen estraña que xurdan voces dentro do Partido Popular contra o anteproxecto de lei do aborto? Un cuarto das 112.390 mulleres que abortaron no 2012 son votantes do PP, se son certos os datos que lle dan o 29,8 % do voto feminino, así que serían uns hipócritas se non recoñecesen que moitas votantes, mesmo moitas militantes, abortaron coa actual lei. Non creo que elas valorasen os dereitos do feto, nin agardarían a que o partido lles proporcionase medios para non ter que facelo. Algunha mesmo pensaría que, sen axudas á dependencia, sería mellor non traer un discapacitado. Non se enganen, a manobra é clara: desaparecerán da lei os grandes despropósitos e aínda teremos que aledarnos de ficar cunha norma menos mala, malia o atraso de non ter unha lei de prazos e malia utilizar a maioría absoluta para dar voz ás minorías ultracatólicas que nin sequera dominan o PP. O simple anteproxecto chama á insubmisión masiva e sinalar que en democracia tamén se goberna para quen non te vota, alén de que os teus votantes non teñen por que aprobar a integridade dun programa, incumprido, por certo, na súa maior parte agás nestas cuestións ideoloxicamente dorosas. Insubmisión é non someterse. Non sometérense os médicos que deben poder practicar abortos cando o consideren. Non sometérense as deputadas do PP, que teñen que votar pensando se abortarían ou entenderían ás fillas que precisasen abortar. Non sometérmonos nós, en fin, porque no paquete da democracia vai o dereito a sermos vítimas da propia inconsciencia. A de ter fillos é o único tipo de inconsciencia que o PP está disposto a castigar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos
Tags

Insubmisas