Ideas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

I sto de ter ideas é tremendamente complicado. Considero que parilas é do máis difícil que hai, pero creo que me quedo curta.

Moitos aseguran que o difícil nestes tempo non é ter boas ideas, senón vendelas. Certo.

E fan falla para todo. Para poñer a andar empresas, escribir libros, chegar a fin de mes, distribuír o xogo no fútbol, cociñar, facer os guións das series, deseñar videoxogos, acomodar o fogar?

Rodéannos alá onde vaiamos. Dende a roda ao paraugas, e os zapatos que levamos nos pés. Aínda que as ideas, din, están na cabeza.

O caso é que hai quen di que o cerne está en saber facerse boas preguntas. ¡Quen o diría, eh! Eu polo menos estou chea de dúbidas e interrogantes? ¡Quen sabe, igual se me acende unha luz!

¿Que digo? ¡Non! ¡Iso vai ser o peor de todo! Se superamos os obstáculos para que se nos acenda a lámpada do ideario, resulta que o mellor será apagala. Si, canta menos luz, mellor, porque xa levamos a quinta subida ao longo do ano na factura da luz, así que? ¡a ver quen é capaz de pagala!

Tanto ten que o ministro Soria manifestara hai nada que interviría no prezo do recibo da luz. Os desmemoriados cidadáns temos que aceptar en xaneiro o incremento das peaxes de acceso. ¡Grande idea! As industrias non saben a que agarrarse, e nós nin vos conto.

Así que? ideas fóra. O mellor neste mundo é deixarse levar, e que pase o que teña que pasar. Mellor ir por aí ás apalpadas, cos ollos pechados, e deixar as ideas para cando veñan mellores tempos e haxa quen as valore. Se é que volven?