Feliz Nadal

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

¿Por que non? Rematemos o ano con humor. Con bo humor. Cun sorriso. Porque nolo merecemos. Así que hoxe non escribirei das desgrazas e malas novas que cada día nos espertan pola mañá e dormen pola noite na cabeza. Por un día non. Hoxe quero desexar felices festas aos que lles gusten e a quen lle resulten indiferentes. Non podo evitalo. É coma unha declaración de amor. Aínda que non o celebres, eu non podo pasar sen desexarche que sexan uns bos días. Porque realmente así o quero, que sexan bos, moi bos. Cheos de ledicia. E aínda que sei que logo nos quedan outros novos 365 para desesperarnos, amargarnos, desilusionarnos? non podo evitar contaxiarme da ilusión da xente, sobre todo dos máis cativos, que apuran os días para rematar a carta aos Reis Magos.

Parece que neste tempo, os anos non pasaron tan axiña, e un ata ten ganas de volver escribirlle ás súas maxestades de Oriente. As cousas non mudaron tanto. Os maiores recordábannos que eramos moitos nenos aos que repartir agasallos polo mundo, así que debiamos seleccionar os presentes que desexabamos. Inevitable que algúns non se coasen na lista coma os máis desexados, e practicamente todos os nenos coincidiamos nos mesmos. Agora, o mesmo. Milleiros de persoas solicitándolle a Melchor, Gaspar e Baltasar un traballo. Porque este ano esmerámonos en ser bos, incluso os mellores na nosa disciplina. E con todo, non nos contrataron. Así que, a ver se os tres cabaleiros obran o milagre. Por iso, hoxe máis ca nunca, feliz Nadal.