Carta a Rajoy e Mas

Inma López Silva
Inma López Silva LA TIRA DE CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Benqueridos president(e)s: Escríbolles preocupadísima. É meterme na cama e pensar hora tras hora no que desvarían, así que boto a noite pensando cómo dicirlles que non saben o que é o dereito a decidir. «Non terán á man un dicionario, ou un asesor con acceso á Wikipedia», digo en alto, co que aumenta o meu insomnio e, por tanto, as posibilidades de me converter en psicópata, plantarme nun Parlament(o) e cometer algunha atrocidade que, sen dúbida, media España e media Cataluña aplaudirían simbolicamente cunha cadea humana de Irún a Gran Canaria, océano incluído. A miña preocupación, como dicía, ten que ver con vostedes, president(e)s, pois cren que o «dereito a decidir» é coma o dereito a opinar, a comer xamón, ou a mercar o libro da Esteban, entre outros dereitos chorras que non teñen nada que ver coa democracia. Porque nin o dereito a decidir é o mesmo que o dereito á autodeterminación, nin o Dereito (así) ou a Lei (asá) son inamovibles coma o teorema de Pitágoras. Autodeterminarse non é o mesmo que facer consultas como levan facéndose legalmente en centos de concellos españois desde 1978; e a Constitución xa se modificou un día, e aquí seguimos todos, basicamente igual. E xa que me atrevín a escribirlles, quixera dicir que, se fuchican na Constitución e van encher de contido iso do dereito a decidir, pois que tamén nos deixen ver se queremos unha monarquía ou unha república. Se gaña a primeira opción, malia non ser a miña, déixenme propor (pois semellan abertos a propostas deste tipo) que valoren deixarnos ser súbditos das súas maxestades os Magos de Oriente. E a Cataluña independente, tamén.