Política de Estado

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Dúas noticias contrapostas, en certa maneira contraditorias. Por unha banda, a modernidade. A lingua galega continua avanzando no territorio da tecnoloxía. Eva Martínez Domínguez vén de defender unha tese de doutoramento (que recibiu a a máxima calificacion cum laude), dirixida polos profesores da USC Guillermo Rojo e María Sol López Martínez, sobre Etiquetaxe e desambiguación automáticas en galego: o sistema Xiada, liña de investigación na que veñen traballando dende hai anos na universidade compostelana a prol incorporación do idioma de noso ás novas tecnoloxías da computación lingüística. Parabéns. Por outra banda, a impotencia, a proba (unha vez máis) da nosa incapacidade para establecer unha política de Estado na que as linguas oficiais das comunidades autónomas, recoñecidas na Constitución, reciban o tratamento que en xustiza cabía esperar como tales linguas españolas, non como accidentes exóticos, que é a actitude dominante nas altas esferas do Estado: unha solicitude de axuda predoctoral é rechazada no Ministerio de Economía por presentar parte da documentación, respaldada oficialmente pola Universidade de Santiago, en galego. Na resolución oficial advírtese que os únicos idiomas que se recoñecen na convocaría son o castelán e o inglés.

Dúas novas que exemplifican unha realidade contraditoria que seguimos sen resolver. No plano da excelencia e da competencia académica, a lingua galega avanza. Porén, no plano político e social, malia os discursos retóricos e as declaración formais, o galego (neste caso tamén o éuscaro e o catalán) seguen a ser discriminados, aceptados no mellor dos casos como males menores (incomodidades que hai que aturar) nunca como riqueza compartida, patrimonio común desta realidade que chamamos España.

Tampouco é a primeira vez que tratamos esta cuestión. Lembro de novo aquela intervención do escritor andaluz Manuel Andújar, exiliado durante moitos anos en México, cando nos primeiros anos 80 nos recordaba unha tarde en Madrid, coincidindo coa presentación dun número da revista catalana Camp del Arpa dedicado ás letras galegas, que «ou España no seu conxunto recoñece formalmente e de xeito real, na escola e nas familias, na Administración e nos medios de comunicación de masas, a existencia da riqueza plural dos seus idiomas e das súas literaturas como un patrimonio do que todos nos debemos sentir orgullosos, ou a convivencia, por máis que uns poucos o intentemos, nunca será posible». Case que literalmente estas eran as súas palabras.

O que evidencia, unha vez máis, a resolución do Ministerio de Economía é a incapacidade do Estado para asumir ese principio básico de recoñecemento, respecto e igualdade. Tamén igualdade de oportunidades. E a actitude dominante, fortamente arraizada no discurso mental das elites do Estado, contra os principios democráticos da conciliación e a diversidade. Non deixa de ser significativo o feito de que prácticamente ningún medio de comunicación, alén das nosas fronteiras, se fixese eco do debate.