Seguro que vinte ou trinta anos non son nada para quen sente que foi onte o día no que mataron ao seu pai, violaron á súa filla, ou quedou sen pernas nun atentado. Para a vítima todo é pouco, se cadra porque no fondo cremos xusta a lei do talión. Pero vinte ou trinta anos no cárcere son unha barbaridade de tempo capaz de arramblar coa vida de calquera. E calquera, violador, asasino ou terrorista, non perde a condición de persoa malia o crime porque, creámolo ou non, o noso sistema penitenciario parte dun humanismo ilusionante que cre na posibilidade de reinserción de cidadáns que, máis a miúdo do que parece, cometen delitos como consecuencia da enfermidade, a desesperación ou mesmo a inconsciente mocidade. Nada é igual cando un ten enriba vinte anos de agobiantes horas de tempo libre para case tolear nun cárcere. Por iso as condeas teñen un principio e un fin, e cando un chega ao final do seu castigo, arrepíntase ou non, ten dereito á liberdade, porque así o di a lei e, sobre todo, porque é xusto. O noso Código Penal non condea por non pedir perdón (aínda que moitos o reviren para que así o faga), senón que condea delitos probados.
Cando o estafador B. Madoff pediu ao xuíz un beneficio penitenciario, este contestoulle que o seu delito causara máis mal ca os crimes dun asasino en serie. E Madoff é só un delincuente como tantos que saen a diario de prisión dispostos a facérense ricos a conta dos demais sen que ninguén propoña linchalos como sucede con este amarillismo noxento que converteu a xusta saída do cárcere duns poucos criminais en casus belli contra o Estado de dereito.