Teño un amigo que de cando en vez me di que teña coidado cos desexos, que son perigosos, pois poden acabar por cumprirse. ¡E vai ter razón! Vaia se a ten.
Hai ben tempo que levo desexando que o PP e o PSOE, e por suposto, todos os demais partidos políticos, vaian da man nalgún aspecto, coma a loita contra o terrorismo, o narcotráfico, ou a toma de decisións para paliar a crise e minimizar as cifras do paro. Sei que, de non facelo xuntos, a situación se agrava aínda máis, por moi imposible que pareza.
Pois ben, o titular bateume nos ollos. Os dous partidos políticos maioritarios do país van da man por unha vez. Batíame o corazón con moita forza dentro do peito. ¡Non o podía crer! ¡Xuntos! ¡¡Por fin!! Pero ollo? aquí viña a segunda parte do desexo. Onde se atoparon foi na investigación do financiamento ilegal. ¡Vaia! Mira ti? A xuíza da Pokémon investigando de onde sacaban os cartos os partidos na capital de Galicia. E vai ser que proceden do mesmo furado. ¡Quen o diría! Poderiamos facer unha lectura fácil do asunto, e dicir que, no fondo, os dous partidos veñen ser o mesmo. E se facemos unha lectura complexa, o curioso é que imos chegar á mesma conclusión. No fondo, no fondo? teñen o mesmo inicio. E con isto dos desexos, ao final vai ser que non resulta de todo mal. Oxalá nos decatemos de como son realmente as cousas, á dereita e á esquerda, e decidamos por fin, buscar uns representantes políticos ao xeito, sexa cal sexa a súa cor. Mentres, eu vou seguir tendo ilusións. ¡E que se cumpran!