Memoria do «Prestige»

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Teño diante de min dúas fotografías, ambas as dúas publicadas neste xornal. A primeira é de Vítor Mejuto, do 3 de decembro do 2002: dous mariñeiros, embarcados nunha fráxil gamela, loitan contra a marea de chapapote que ameaza a boca da ría de Arousa, intentando impedir coa única ferramenta das mans que os restos de fuel velenoso entren nos ricos fondos da ría. A outra, tirada dende o aire: a marea humana da solidariedade debuxando no areal de Carnota a palabra Vida.

Son os dous símbolos que se me ocorre evocar once anos despois, cando acabamos de coñecer a sentencia do tribunal que exculpa aos acusados de toda responsabilidade nos graves sucesos daqueles días. Compañeiros máis expertos comentárona nestas páxinas. Resulta moi difícil de entender (e de asimilar) que logo da desgraza que estragou as nosas praias, na que foi sen dúbida unha das catástrofes (non naturais) máis graves do século, atentado escandaloso contra o patrimonio ecolóxico e contra os intereses de miles de familias que teñen no laño a súa razón de vida, fique todo esluído nunha serie de consideracións xurídicas que libran de responsabilidade a todos os axentes implicados (políticos, económicos) e dean carpetazo a un dos sucesos que máis conmocionaron non só á sociedade galega senón mesmo á comunidade internacional.

A ambición do capital, as mentiras dos políticos, a manipulación das informacións oficiais, a impunidade das grandes compañías, a súa carencia total de escrúpulos á hora de procurar o beneficio, a inexistencia de programas de prevención, a falta case que absoluta de axudas cando se produce o suceso, a ausencia de planificación e dirección das operación por parte das autoridades, as manobras escuras dalgúns interesados en tirar tallada da desgraza, mesmo a desaparición do Estado durante os primeiros días, pasándose as responsabilidades uns aos outros? son datos obxectivos que están nas hemerotecas. Non falemos do cacarexado Plan Galicia, en que se concretou. Agardabamos outra cousa, sinceramente. Logo de máis dunha década de procedementos e adiamentos, sospeitabamos que o resultado final ía ser decepcionante, pero non ata este punto. Nada que ver co que recentemente sucedeu no golfo de México, por exemplo, nin outras calamidades parecidas.

Non sei se existen argumentos legais para recorrer. Sería cuestión de dignidade e de xustiza. Diante tamaña decepción, prefiro volver a aquelas primeiras fotografías, que deron a volta ao mundo: a reacción das xentes do común, a marea de solidariedade humana que trouxo ás nosas costas miles de voluntarios a botar unha man, nunha das actuacións máis fermosas e aleccionadoras (exemplares) que recordamos. Esa é a lección do Prestige. A memoria que nos deixa. Daquela soubemos tirar unha ensinanza que aínda hoxe, en tempos de adversidade, non deberíamos esquecer: as solucións están sempre nas nosas mans, na nosa enerxía vital, na nosa capacidade para reaccionar, que se pon a proba, sobre todo, nos momentos máis difíciles.