A pianista do «Prestige»

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

14 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ficción: a beleza debía estar en todas partes. Por tal motivo a pianista embarcou hai máis de once anos nun buque chatarra de nome irónico (Prestige) que portaba o negror entre latas. Cada día, entre homes rudos, ela instalaba a pureza de melodías, sonatas, recónditas harmonías en medio do mar. Sucedeu que un veciño de cuarto, camarote contiguo, presentou unha denuncia por contaminación acústica. Pediron para ela sete anos de cárcere e unha suma pecuniaria considerable. A pianista abandonou o seu oficio: condenada a non exercer toda profesión pianística. O piano caeu no inferno. Houbo profesores sumidos en depresión que renegaron del e a música, como un ser vivo, foise consumindo entre estertores de silencio. A pianista do Prestige deixou de crer tamén na xustiza. Foi onte. Cando de novo aquel barco de espanto enchía titulares. Cando coñeceu que unha traxedia que custou á cidadanía máis de mil millóns ía ser tapada, por imperativo xurídico, con vintedous millóns que pagaría a aseguradora e 115 que xa pagara o fondo internacional destinado a cubrir a contaminación por hidrocarburos. O pai Atlántico vestía foulard de loito. E todo porque a pianista non tocaba sonatas mentres unha ruína de buque, o buque da ruína, navegaba fantasma rumbo á Fisterra. E volvo á realidade: un país que pide sete anos de cárcere (contaminación acústica) para unha muller que toca o piano en Puigcerdà e deixa sen culpables unha traxedia como o Prestige (catástrofe e delito medioambiental inclasificable) é un país diminuto, agrio, deshonesto. Poucas veces a xustiza caeu tan baixo.