A democracia é a vítima

OPINIÓN

11 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Case ninguén nega hoxe -agás que haxa outros intereses polo medio, máis alá da verdade- que a democracia sexa unha vítima do poder financeiro e os grandes intereses económicos. Unha vítima sometida a eses poderes, que están en todas partes e en ningures, que non teñen rostro pero si poder para desfigurar e anular o que por democracia vimos entendendo dende Grecia aos nosos días.

Tan manifesto como o control do poder político é o dos medios de comunicación, hoxe, por certo, case todos eles (e entre eles os máis importantes) propiedade dos bancos, o que lles permite impoñer os seus criterios económicos e sociais, como se dos seus propios gabinetes de estudos se tratase, dúas das maneiras máis eficaces para influír nas sociedades modernas. O control da opinión, ademais, conséguese coa restrición das liberdades por moi diversos camiños, dende a man dura coas reivindicacións públicas (pois o dereito de manifestación incomoda moito) aos encraches, dende a máis ferinte propaganda ao servizo do poder aos máis sofisticados sistemas para control dos cidadáns.

O poder dos sindicatos foi a obsesión de Margaret Thatcher e de Ronald Regan: como é ben sabido, eles iniciaron unha loita sen piedade contra aqueles, conscientes de que ese era o camiño para debilitar e aínda anular as reivindicacións do mundo do traballo. Hoxe, neste país, sabemos un pouco do que todo isto significa.

Nada, ou moi pouco, lle custou ao capital acabar coa política, desnaturalizala e desprestixiala. Por iso son lóxicas as prebendas que, en pago, reservou para a docilidade dos políticos: todos eles aspiran a seren acollidos algún día no seo dourado do capital. Ese semella ser o soño último dos elixidos para xestionar o ben común. Pero a vítima é a democracia.