A cara descuberta

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A cara descuberta, e con toda a tranquilidade do mundo, sen poñerse rubio sequera. Así falou Pablo Crespo nunha entrevista a un medio de comunicación televisivo. Estábano gravando coa cámara, e era consciente diso, porque eu ata diría que sabía a onde tiña que mirar en función dos planos que se estaban a facer. Agradézolle o ataque de sinceridade. Non hai dúbidas sobre o financiamento en B dos partidos políticos, nin outras cousas. Escoitamos declaracións sorprendentes como que non é que vise os devanditos sobres que levan meses toleándonos, asegura: «Eu repartín sobresoldos en B e teño todos os nomes».

Dan ganas de botar as mans á cabeza, ou á xustiza. Porque, coidado, hai razóns para que faga estes descubrimentos: os delitos xa prescribiron. Antes non o dixo porque xurara fidelidade ao partido?

Non nos merecemos esta desvergonza. Nin ápice de arrepentimento. É máis, parecíame ver un leve sorriso detrás das palabras, coma o neno pícaro que saíu coa súa. E así foi. Relacionado coa trama Gürtel, que el se empeña en denominar «grupo de empresas», asegurou que o partido ten un financiamento irregular, recibindo cartos negros dos empresarios que contrataban coas Administracións, máis en épocas de campaña electoral. Chegaban en carpetas de cartón, azuis, con gomas, idénticas ás que eu utilizaba para os contos que escribía de pequena. Xa ven, outro tipo de escritos. Asegura ter papeis de todo. A xente ten memoria lixeira, non lembra o que asina. Anden con ollo.