Cando falten as ganas, le esta columna. Abre os brazos unha noite de ancha lúa: ilumínate. Abre a boca e pinta o diapasón dos labios en aceno cómplice de bicos: entrégate. Respira. Pronuncia o verso de Dulce María Loynaz: «Si me quieres, quiéreme entera/ no por zonas de luz o sombra». Contempla os lugares da memoria onde deixaches, cosidos de gozo, os recordos máis felices. Sorrí: aínda non cobran impostos por tal malicia. Pide o imposible: porque os soños están feitos de materias inalcanzables. Amarás e serás amado, amada. Toca coa xema dos dedos, imperceptiblemente, esas cousas pequenas que fan da existencia anís, mazá, licorcafé de abrazos. Non te compliques: a vida complícase soa. Escoita a cara A, Nacho: porque as malas horas pasan, verás. Levanta a copa e brinda con auga ou viño, pantrigo ou milpéndoras, por esas celebracións que ás veces non celebras: a familia, os amigos, os que te queren (e os que cometen o erro de non quererte). Anímate. Mírate ao espello. Es ti, tan imperfectamente perfecto. Pero que non falten as ganas. De sorprenderte. De emocionar e emocionarte. Son as emocións as que nos distancian do tedio. As pequenas emocións de cada día. Emocionarse é vencer ao outono inmunodepresivo: a mala novela da tristeza. Se tes ganas, ganas. Ganas de saír ou quedarte en casa. De estudar ou non estudar o exame de novembro. Ganas de perfumar con optimismo a estación do bus do presente. Non amargues, non te amargues. Hai un lugar onde é posible a felicidade. Está en ti. Non precisas outro billete: só as ganas. Cando falten, querida querido cómplice, le esta columna.