Democracia ameazada

OPINIÓN

04 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai hoxe polo mundo adiante foro, publicación, think tank ou medio de comunicación e persuasión que non teña mostrado a súa preocupación, ás veces aínda con dramatismo, polo futuro da democracia. Tal como a entendemos, ou como a temos experimentado, pode que estea esmorecendo ou a risco de ser un ben a extinguir. A principal ameaza que sobre ela pesa, a unha banda e outra do Atlántico, é que, por diversas causas hoxe ben coñecidas, os poderes económicos e financeiros souberon conquistar a política sometendo aos políticos. E souberon facelo mentres exercen, influíndo de maneira determinante nas súas decisións, e aínda xa retirados, reservándolles situacións de privilexio, moi afastadas das posibilidades dos demais mortais. O exemplo está á vista, neste país e fóra del. Admitida esa realidade, o problema é que se pode facer para endereitala, para volver de novo á política, para que os gobernantes gobernen os intereses do común e non os dunha clase privilexiada, insignificante en número, non en poder económico, dando lugar a unha desigualdade que, como é sabido, seguiu crecendo nos últimos anos. Para Susan George, presidenta do think tank Transnational Institute, é claro, por exemplo, que determinadas forzas económicas decidiron anovar o capitalismo, desfacerse de moitas leis protectoras dos traballadores e acabar con situacións que tanto custou acadar ao longo de moitos anos de loita. Todo isto, pensa, vai dar lugar a un fascismo moderado e duro. ¿Como pararlle os pes? Pode que a única maneira sexa unha folga xeral que dure semanas. Ou sexa, que non está nada claro que se pode facer. Pero de agora en diante esa será a primeira esixencia que nos impoña a liberdade e a dignidade humanas. Case nada o que nos agarda.