A sentencia do Tribunal de Estrasburgo contra a doutrina Parot está enfrontando en España dúas posturas de momento irreconciliables. Hai un gran número de cidadáns que, á marxe da súa filiación política, senten repugnancia pola aplicación de beneficios carcerarios e a excarceración de asasinos irredentos. E hai tamén unha minoría (sen contar aos simpatizantes de ETA) que, aplicando criterios xurídicos, defenden o fallo de Estrasburgo.
Eu cóntome entre os primeiros porque penso que nun conflito entre legalidade e xustiza debe primar a segunda. As leis son cambiantes e están supeditadas moita veces ao que decide o poder político ou á sensibilidade social. Durante moito tempo foi legal a tortura como método de interrogatorio xudicial, ata que tras dura loita se impuxeron as ideas de Beccaria. E hoxe volve a ser legal en Israel (¡tortura moderada!).
Montesquieu definiu as leis como as «relacións necesarias que se derivan da natureza das cousas». No caso dos terroristas de países democráticos, unha lei xusta, que se derive da natureza dos feitos pide que os asasinos non gocen de privilexios nin de liberdades das que privaron ás súas vítimas arrincándolles a vida.
Iso sería xustiza, e o fallo de Estrasburgo é só legalidade, que, ademais, dubido moito que se aplicase se o país implicado fose, por exemplo, Alemaña.