A soidade de Feijoo

Xavier Vence FIRMA INVITADA

OPINIÓN

O debate do estado da nación e o proxecto de orzamentos para o 2014 certifican a renuncia de Feijoo a liderar un proxecto de futuro para o país. No debate vimos a súa estratexia de camuflaxe e ocultación dunha realidade que continúa degradándose con máis paro, máis pobreza, caída xeral do nivel de vida ou recortes nos servizos públicos básicos. O recital de mentiras non pode tapar as estatísticas, nin o que a cidadanía vive nas súas carnes día a día.

Pero o máis preocupante é ver un presidente empecinado en seguir a senda suicida que lle marca o PP estatal. Submiso a todas as consignas que lle envían de Madrid e carente de ideas e proxectos para saír da crise e levantar o país. O resultado é descorazonador: un país sen temón, sen goberno, sen compromisos de futuro e, polo tanto, sen capacidade para chegar a acordos. Porque ninguén pode dar carta branca, desde logo o BNG non o vai facer, a este Goberno cativo, entregado a Madrid e falto de iniciativas para reactivar a economía e crear emprego.

Máis aínda, a súa renuncia a defender posicións esenciais para o futuro de Galiza convérteo nun verdadeiro traidor ao país. A súa submisión ao proxecto centralizador do PP está dándolle a puntilla ao xa limitado autogoberno. A súa inaudita declaración de «satisfacción porque Novagalicia sexa o primeiro banco intervido en ser vendido» é a constatación da súa irresponsábel frivolidade e seguidismo dos ditados da gran banca española. A súa aceptación silenciosa do recorte adicional dos recursos autonómicos e municipais en 17.470 millóns de euros, para permitir máis gasto e máis déficit ao Goberno central nos dous anos vindeiros, significa aceptar que Madrid engorde a costa de encoller Galiza.

O mesmo se conclúe do seu seguidismo do PP estatal para reducir o tramo autonómico do IRPF -aínda que sexa modesto- mentres o Goberno central aumenta o tramo estatal. As contas para o 2014, que en termos reais nos devolven ao 2002, póñenlle cifras ao empequenecemento de Galiza. Só dentro desa estratexia de achicamento do autogoberno se pode entender a súa proposta de reducir o tamaño do Parlamento, reducindo a súa capacidade lexislativa, a pluralidade e a democracia.

Que ninguén se equivoque, reducir o autogoberno é cargarse os servizos públicos -sanidade, educación e servizos sociais-, é amputar os instrumentos para impulsar o crecemento económico e o emprego no noso país.