Matemáticas e comprensión lectora

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A historia que vou contar é do ano 74. Afortunadamente as cousas mudaron dende entón, polo menos algunhas. Estaba eu a facer as prácticas de milicias no campamento de Figueirido e o capitán da compañía mandou que me ocupase dos analfabetos: algo máis de media ducia, ¡que non era pouco sobre un cento de recrutas!, todos do rural nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Supoñíase que coma eu viña de Filosofía e Letras algo podía facer. E púxenme ao labor, con entusiasmo, todas as tardes, na hora da teórica.

Daquela comprendín a fenda profunda (social e individual) non da ignorancia, que ignorantes non eran, sabían unha chea de cousas que eu non sabía, senón da ausencia de instrución regulamentada: as catro regras, que se dicía antes, ademais de ler e escribir, alicerces básicos para a comprensión do mundo, do noso mundo, o que nos toca vivir. O gran problema xurdiu cando intentei explicarlles os puntos cardinais: norte, sur, leste e oeste, para que se orientasen. «¿Qué pasa se vos perdedes no bosque?». «Nos bosques nos que nós andamos nunca nos perdemos». «Agardamos por un veciño». «Seguimos calquera carreiro, que sempre levan a algures». «¿E como imos entrar nun bosque que non sabemos como é? Non entramos»?

O problema non era tanto explicar a saída do Sol coma o concepto abstracto que identificaba o lugar da tal saída. «O Sol sae polo leste». «Detrás daquelas pedras». «Pois imaxinemos agora que estamos nun deserto, noutro lugar do mundo, noutro hemisferio, e que o Sol sae por outra parte, ¿onde quedaría o leste?». «Detrás daquelas pedras». Non demos saído de aí, por máis que teimei todas as tardes durante tres meses, ata que xuraron bandeira.

A anécdota veume á memoria co gallo das recentes informacións nas que a OCDE sitúa a sociedade española adulta entre os índices máis baixos de coñecementos básicos: matemáticas e comprensión lectora. «¿E que ten que ver unha cousa coa outra?», pregúntame un veciño. E conteille o caso dos rapaces de Figueirido: a abstracción, a capacidade de comprender o mundo mais aló do inmediato. O coñecemento consiste precisamente niso: na capacidade das sociedades e dos individuos para comprender a realidade (o seu contorno) e desa maneira poder actuar sobre ela para modificala, naturalmente a prol dos seus intereses. Así avanzou e segue a avanzar a ciencia, a tecnoloxía, a cultura e mesmo a historia. Así xurdiu a roda, a agricultura, os antibióticos, o motor de explosión e incluso a idea de democracia: individuos soberanos que coñecen e elixen os seus representantes para o que eles consideran a mellor administración. Unha sociedade desenvolvida, xa non digamos avanzada, esixe unhas mínimas regras, coñecementos básicos, aptitudes e destrezas. Para entender o risco das preferentes e para escoller, chegado o caso, a quen nos goberna. Ralear ou demoucar os recursos en educación (básica e especializada), igual que en investigación e coñecementos, é unha maneira de lle cerrar as portas ao futuro. Do que sempre hai alguén que se aproveita.