Incendios forestais: previr é extinguir


Os incendios forestais constitúense como un flaxelo no espazo forestal en Galicia. No entanto, sendo unha calamidade, como son, non teñen que transformarse necesariamente nunha fatalidade pola que inevitablemente teñamos que pasar todos os veráns.

Todos concordamos na necesidade de continuar a combater os incendios forestais con todos os medios, para evitar danos aínda maiores. Igualmente debemos ter moi presente que a resolución do problema dificilmente pasa pola aplicación exclusiva do Código Penal. Isto é así porque se trata dun instrumento legal que non está deseñado para resolver os problemas estruturais que unha sociedade poida ter nun momento dado.

A lei penal pode acompañar, complementar ou reforzar a solución do problema, pero non resolvelo por si mesma. O dereito penal é incompetente para a resolución de problemas de orixe sistémico, necesitados de políticas de ordenación que corresponden a outras normas.

En realidade, podemos afirmar que o perfil de incendiario que actúa por motivos fútiles non fai unha ponderación custo-beneficio antes de actuar, polo que a existencia de normas penais severas non semella que poida ter incidencia na súa decisión.

Os expertos refírense frecuentemente a que «os lumes non se apagan, evítanse, prevéñense», pois son plenamente conscientes de que é na prevención onde podemos atopar a chave para resolver o problema. No entanto, se esta solución se atopou hai moito tempo, ¿por que tarda tanto en ser aplicada de modo eficaz e consistente?

Talvez sexa porque a prevención é tamén un problema de educación, de formación e de sensibilización das poboacións. Con seguridade será rendible, a longo prazo, todo investimento que neste aspecto se faga. A prevención supón facer cousas simples que non producen rédito mediático nin a curto prazo, pero que implican mudar hábitos adquiridos, coa resistencia e incomodidade que isto moitas veces implica.

Sen negar o impacto das accións puntuais de individuos concretos -sobre os que sen dúbida debe recaer todo o peso da lei-, non debería, porén, utilizarse este pretexto de culpabilizar a terceiros para agochar as responsabilidades individuais, institucionais e corporativas derivadas de prolongadas deficiencias na xestión forestal do territorio, situando deste xeito a responsabilidade fóra do seu ámbito de competencia.

Concordamos co catedrático Pérez Vilariño na afirmación de que «unha continuada alta demanda de recursos para a extinción -moi superiores aos destinados á capitalización directa do bosque e á prevención- pon de manifesto o grao de esgotamento deste modelo tradicional, de burocratizada loita contra o lume, e a imperiosa necesidade doutra alternativa».

En todo caso, non ofrece dúbida que un monte ben planificado e ordenado, capaz de resultar rendible para os seus propietarios e socialmente útil, contribuiría a dificultar enormemente as accións incendiarias.

Cómpre, igualmente, ensaiar coas novas tecnoloxías para desempeñar adecuadamente as funcións de prevención, detección e combate dos lumes forestais. Isto inclúe tamén a investigación criminal e o factor humano como principal causa de incremento dos lumes forestais. A lexislación portuguesa máis recente (Lei 9/2012, do 23 febreiro) regulamenta a utilización, polas forzas de seguridade, de sistemas de vixilancia electrónica con vista á salvagarda da seguridade das persoas e bens no ámbito forestal e tamén para os efectos de facilitar a complicada obtención das probas que se utilizarán tanto no proceso penal como no administrativo sancionador.

Por outro lado, pódese acreditar que ningún sistema de defensa do medio forestal contra os incendios funciona eficazmente se non conta coa colaboración permanente das persoas.

Así, no caso dos individuos de maior risco, acabados de saír da prisión ou dun centro especial de tratamento, a policía xudicial debe contar coa colaboración tanto dos servizos penitenciarios como dos do propio centro para mantérena informada sobre os internos que acaben de cumprir a pena ou a medida de seguridade imposta, así como sobre as súas saídas temporais.

O Código Penal portugués inclúe a previsión (artigo 274) de que cando este delito sexa cometido por persoa afectada por un trastorno que a faga inimputable, a medida de internamento en centro que se lle impoña deberá facerse de forma intermitente e coincidente cos meses con maior risco de que se produzan incendios (de maio a outubro).

A recollida aleatoria de datos procedentes de terceiros é tamén outra opción: algo tan simple, garantindo a confidencialidade, como preguntarlles aos veciños se notaron algo anormal ou que lles chamase a atención nos días anteriores próximos ou no coincidente co incendio, pode constituír unha valiosa información para a detención do incendiario e para achegar probas ao proceso penal.

Na obtención desta fonte de información aplícase actualmente a policía xudicial. A proposta de creación dunha figura, a modo de alto comisionado autonómico, capaz de coordinar tanto as forzas de seguridade como as brigadas forestais, a través dunha dirección e coordinación cohesionada, eficaz e integrada, que tivese ao seu dispor todos os datos estatísticos, administrativos e policiais (co auxilio da Fiscalía para acceder aos datos de natureza xudicial), séguenos parecendo unha proposta interesante que podería mellorar significativamente a eficacia no terreo da investigación criminal.

Finalmente, tendo en conta os elementos recollidos nas estatísticas, obsérvase que moitos comportamentos intencionados son producidos de modo reiterado, ano tras ano, pola mesma man incendiaria. Nestes casos, a policía xudicial podería contactar con todas estas persoas ás que nos referimos para previr que volvan cometer estes delitos, de xeito que sexan controladas as súas actividades e poida ser facilitada a súa integración. O obxectivo desta medida consistiría en evitar que haxa unha repetición de comportamentos incendiarios, mostrando que as forzas de seguridade están atentas ás súas actividades e movementos, aínda sen tratarse propiamente dunha medida de vixilancia coactiva.

Con todo, namentres non sexamos quen de realizar unha aplicación eficaz da abundante lexislación, que contempla como prioritarias as tarefas de prevención e ordenación do territorio, non haberá solución radical para evitarmos o periódico flaxelo dos incendios forestais.

Carlos Varela García é fiscal superior de Galicia.

Autor Carlos Varela García Fiscal superior de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos

Incendios forestais: previr é extinguir