Un bo tirón de orellas

OPINIÓN

07 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de traballo da ONU sobre desaparicións forzadas, despois de visitar España e de manter todos os contactos que lle pareceu, dá un bo tirón de orellas ao Goberno, nun longo e pormenorizado informe, polo seu manifesto incumprimento dos tratados internacionais sobre a materia.

Incumprimentos na mesma lexislación española, empezando polo Código Penal; lasitude na persecución de delitos relacionados coas desaparicións forzadas ou involuntarias; falta de atención e información ás vítimas; inadmisibilidade da aplicación da Lei de Amnistía de 1977 a estes casos, por imprescritibles; ausencia dunha necesaria política de Estado sobre a materia... entre outras moitas suxestións.

Suxire o grupo de traballo que todas as iniciativas relativas á procura de desaparecidos teñen que ser parte dunha política de Estado «comprensiva, coherente, permanente, cooperativa e colaborativa», e urxe ao Goberno a que poña a máxima celeridade na persecución dos crimes da Guerra Civil por razón das idades de criminais e de testemuñas.

Fai así mesmo un chamamento á xudicatura para que realice un uso consistente da declaración sobre a protección de todas as persoas desaparecidas, que, xunto con outros documentos internacionais, constitúe dereito consuetudinario desta natureza vinculante para todos os Estados. ¡Adiantado Garzón!

O documento pode ser consultado na Rede (rebelion.org, por exemplo) e constitúe todo un índice da escasa vontade de España para cumprir co ordenamento xurídico internacional, en especial cando pode afectar aos herdeiros da ditadura, que sempre prefiren agachar as cousas e non esclarecelas, eludir o seu coñecemento, falsear a historia. Pero agachar, eludir e falsear estalles resultando máis difícil cada día.