O espírito de Verines

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O s primeiros encontros son do 85, pero a orixe está nunha primeira xuntanza na Universidade de Salamanca en 1983: escritores en eusquera, en catalán, en castelán e en galego, linguas que ao abeiro da Constitución de 1978 viñan de acadar novo estatus na recentemente estreada democracia española, reuníanse para falar, coñecerse, intercambiar experiencias e, na medida do posible, establecer lazos de relación que puidesen continuar noutros ámbitos: traducións, participación en debates e promoción alén dos respectivos territorios, proxección exterior? Tamén estaban os asturianos. A filosofía consistía en avivar un espazo de coñecemento mutuo (porque dificilmente se ama o que non se coñece) cara ao recoñecemento dun patrimonio común que contemplase a diversidade non coma un problema, senón coma unha realidade que nos enriquece.

Tiven a sorte de participar en varios destes encontros. Lembro especialmente o que se organizou arredor da novela, nos primeiros anos, coa presenza, entre outros, de Mikel Azurmendi, Jon Cortázar, Bernardo Atxaga, José María Merino, Luis Landero, Miquel de Palol, Suso de Toro, Manuel Vázquez Montalbán, Marta Pessarrodona, Arantha Urretabizkaia, Jon Juaristi, Mario Onaindía, Juanjo Millás, Carmen Riera (estou a citar de memoria), con debates apaixoados sobre o papel do narrador na nova circunstancia política e, no caso dos vascos, unha forte controversia sobre a situación en Euskadi. Déronnos as tres da madrugada. Víctor García de la Concha, que aínda non accedera á presidencia da Real Academia Española, e Carlos Casares eran os anfitrións.

Tratábase de falar en liberdade e sen prexuízos, para o cal nos encerraban durante catro días na casona de Verines, en Pendueles (Asturias). Gustavo Domínguez publicaba todos os anos en Cátedra un libriño no que se recollían as participacións. Tratábase, repito, de falar e de coñecernos (alí naceron algunhas estupendas amizades), cunhas propostas previas que se formulaban con antelación: poesía, ensaio, literatura e medios de comunicación, literatura e sistema educativo, relato breve, literatura infantil e xuvenil, etcétera.

Trinta anos despois volvimos a Verines, convidados por Víctor García de la Concha, agora director do Instituto Cervantes, aparentemente coa intención de repasar o que sucedeu durante estas tres décadas, mais no fondo coa idea de volver formular unha cuestión que, malia o tempo transcorrido, segue aberta: ¿é posible a convivencia entre as linguas e as culturas disto que chamamos España? A cuestión catalana, que anda nos xornais estes días, presidiu os debates, outra vez apaixoados. Pero útiles. ¿É viable o espírito de Verines? ¿Hai espazo (aínda) para encontrarse? A novidade, que non me parece anecdótica, é que nesta ocasión os convocantes eran institucións representativas non de unha senón das catro literaturas, en pé de igualdade: o Instituto Cervantes, o Instituto Ramon Llull, o Etxepare Euskal Instituta e o Consello da Cultura Galega. Unha especie de refundación, en palabras de Suso de Toro. Oxalá.