Ninguén nos botará unha man

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

A paixón partidista está tan desbocada que hai xente que se alegrou de que non lle desen a Madrid os xogos olímpicos porque o triunfo favorecería ao partido do Goberno. Ao alcalde de Barcelona faltoulle tempo para dicir que «en España solo Barcelona podía competir con Estambul y Tokio por los juegos olímpicos». Así están as cousas.

Tamén hai xente que cre que o acento dos membros da comisión olímpica cando falaron en inglés influíu na votación. Son ganas de non ver a realidade. A votación dos membros do COI deixou claro que o único que lles interesa é a potencia económica, actitude que non ten nada de espírito olímpico pero que está moi acorde cos tempos que corren.

Madrid, que mal que lle pese ao alcalde de Barcelona, representaba a España, xogou a baza da cordialidade e do país que con esforzo está saíndo da crise. Os triunfos dos nosos deportistas en todo o mundo deberían servir para que nos botasen unha man e nos concedesen uns xogos que podían deixar moitos cartos en España.

Non foi así. Ninguén nos axudará en ningún terreo. Esa é a lección que hai que sacar deste fracaso. Compre facer o que en situación moi difícil dixo Churchill: «I have nothing to offer but blood, toil, tears and sweat». Quítenlle o sangue, porque non estamos en guerra, e digámolo en galego: «Non teño nada que ofrecer senón esforzo, bágoas e suor». E tiremos para diante.