Levamos varios anos con recortes no inicio de curso, recortes que na Consellería de Educación chaman axustes. A realidade vai ser a de profesores sobrecargados de horario lectivo, pois nestas datas faltan incluso por cubrir prazas. Sabemos que se a baixa é de menos de 15 días, non se vai cubrir. Xa se aplica o decreto de comedores que diminuíu a prestación e os nenos que pagan 4,5 euros ao día suplen a gratuidade dos que non pagan. O orzamento da Xunta é mínimo pois apenas alcanza 1.290.324 euros para 43 comedores escolares con 90 alumnos de media cada un. Saen uns 333 euros por colexio ao mes e ista achega apenas lles cubre nada pois a comida nunha ANPA ao mes sae a uns 80 euros por rapaz (uns 3 euros por día). Isto, tendo en conta ademais que os comedores son atendidos por nais e pais sen contratar e sen asegurar, aínda que logo a Xunta lles pague 6 euros diarios, cada tres meses. Tamén están recortando rutas de transporte e desaparece a figura do mestre de apoio a minorías étnicas. Desaparece tamén a hora de titoría cos alumnos e os profesores titores terán menos dunha hora á semana para atender aos pais, con ratios de 27-30 alumnos de media por aula de secundaria. A sobrecarga de traballo para os directores tamén é evidente porque, sen quedar liberados de horas lectivas, son os que teñen que baremar aos nenos sobre a gratuidade dos libros e dos comedores. Vistos estes recortes, Confapa Galicia esixe o cumprimento do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de retirar os concertos aos centros que segregan aos alumnos por sexo, fallo que non se acata porque está recorrido, e porque están esperando a entrada en vigor da lei Wert que permitiría eses concertos. Segregar por sexo, recordemos, é algo inconstitucional.