Cleptómanos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

O pasado martes, ás 18.25 horas, unha muller gritaba e choraba e gritaba e choraba nunha TV de Madrid, capital italiano. Proclamaba: «Me quiero morir». Era horario infantil. O espectáculo pareceume do máis bochornoso que podería contemplarse en España: de charanga y pandereta, que dicía Machado. E ninguén protesta. Silencio. Un silencio vergonzante. Cando tres millóns de persoas en España contemplan a repugnancia de cada tarde en TV capital italiano, eu sei que a educación fracasou neste país ineficiente. Somos un descalabro. Espazos televisivos como ese deberían estar prohibidos a esa hora. Pro-hi-bi-dos. ¡Censor!, dirán algúns. ¡Liberdade de expresión!, outros. Pero eu creo que hai límites que non deben pasarse. Que todas as reclamacións a favor da educación caen diante deste oprobio. Non pode permitirse unha televisión tan nociva. En nome da liberdade de expresión rouban a liberdade da intelixencia e a estupidez máis deletérea, horrible, avanza. Este circo de facinerosos resulta insoportable. Como insoportable resulta que calemos diante da progresiva adulteración da realidade. Non somos así de necios. Hai outra España. Cultivada, formada, sensible. España que ten que emigrar, entre outros motivos, porque o seu lugar está ocupado pola idiocia absoluta. Por suposto que é preciso lexislar o que se pode ver e non se pode ver na televisión. Nada máis pornográfico que as tardes da TV capital italiano. Nada máis ominoso para a dignidade do ser humano: roubada por estes cleptómanos do decoro. Que as autoridades consintan este oprobio di moito do noso país. E, sobre todo, das nosas autoridades.