O comezo de curso está cada vez máis mitificado, sobre todo a nivel mediático. Salvo excepcións, a chamada síndrome posvacacional non deixa de ser máis que un esforzo normal para adaptarse a novos hábitos. Estar demasiado pendente ou preocupado polos fillos é darlle a este proceso unha importancia que non ten. Eles mesmos deben recuperar o costume do traballo intelectual e superar as dificultades do cambio. Para os rapaces que inician a súa escolarización, a entrada na escola supón un momento crítico. A adaptación a un grupo de compañeiros e á vida escolar pode resultar difícil. Mesmo a propia lei contempla un período de adaptación do alumno para favorecer a súa transición da familia á escola. En calquera caso, adoita ser tamén un problema menor, que dura soamente uns días.
Esaxérase, así mesmo, cos gastos que teñen que afrontar as familias. É certo que hai algúns inevitables, non doados de asumir para moitas. Sen embargo, outros só serven para facer estatísticas irreais. Por exemplo, a roupa. Hai poucos centros públicos, que son a ampla maioría, nos que se esixa uniforme. Xa que logo, non é necesario vestir especificamente ao neno para a escola. Os libros de texto son caros, pero en moitos casos pódense aproveitar os dos irmáns ou doutros compañeiros. Canto ao material escolar (mochilas, lapis, cadernos...), seguro que tamén se pode aforrar, aproveitando para educar aos fillos nun consumo responsable, non nun consumismo. Os bolígrafos tíranse a medio uso, desperdíciase papel, mércanse produtos innecesarios, etcétera. E cada vez valórase menos o moito que se ten.
Fálase pouco, sen embargo, doutros aspectos claves no éxito académico. Referireime a dous. O primeiro, as condicións físicas e ambientais do estudo. Os fillos deben dispor, na casa, dun lugar, o máis adecuado posible, para o traballo intelectual. Cómodo, ordenado e tranquilo. Con boa iluminación e mobiliario axeitado ás súas características. En segundo lugar, unha boa planificación do tempo, para fomentar os hábitos de esforzo e constancia. Nos primeiros anos, esta programación corresponde aos pais, pero logo ha ser o propio rapaz quen elabore unha táboa coas distintas actividades ao longo do día. Nela debe figurar tanto o tempo dedicado ao estudo, como o de ocio ou de relacións cos amigos. É importante que sexa realista e flexible, pero, sobre todo, que se cumpra. Deste xeito conseguirase potenciar a forza de vontade, reducindo o esforzo e convertendo o estudo en algo automático e mesmo agradable. A consolidación destes hábitos vai ser decisiva na maduración e responsabilidade dos fillos. E un bo momento para poñelos en práctica ou reforzalos é, precisamente, o principio de curso.