Celebro que os concellos de Catoira, Rianxo e Tomiño e a Secretaría de Política Lingüística publiquen a obra completa do escritor amigo, poética e teolóxica, cando hai xa tantos anos que non é posible adquirir a meritoria edición que fixeran Carmen García e Xesús Santos en 1985. Esta nova edición estivo ao coidado do profesor X. Ricardo Losada.
A introdución erudita e as notas oportunas iluminan a difícil e esvaradía figura de Rey Romero, e axudan a comprender e valorar a obra e a persoa dun home singular, adiantado ao seu tempo en tantas cousas e tan apegado á tradición noutras -maiormente en cuestións estéticas-. Singularidade moi ben comprendida polo profesor Losada, autor, ademais, dunha biografía moi esclarecedora do escritor rianxeiro.
Os moi sólidos datos que recadou o autor desta edición, e que fundamentan tamén a súa biografía de Faustino Rey Romero, xunto coas súas apreciacións literarias, axúdanos a ter unha idea moi viva e xusta dunha personalidade moi complexa, como sen dúbida foi Rey Romero, moi auténtica, tamén moi conflitiva se é ollada con superficialidade e á que por iso mesmo non sempre era doado achegarnos.
Feito este que ten orixinado lendas disparatadas, afastadas de toda realidade, sobre a súa persoa. Este libro, xunto coa biografía pendente de publicación e que agardamos con impaciencia, impedirán que as fantasías sen fundamento, ou perversamente interesadas, suplanten á historia, aos feitos contrastados, á verdade.
Non sei se Faustino é un escritor importante ou tan só marxinal. Pero todas as literaturas están integradas por grandes autores e por outros que non o son. Uns e outros requiren seren situados. Celebro que de agora en diante esta edición nos permita situar mellor a Faustino Rey Romero.