Un poema de amor

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Un rapaz estadounidense, poeta, cun trastorno obsesivo compulsivo, triunfou nun concurso de poesía cun poema que está dando a volta ao mundo a traveso de Internet.

Tendo en conta que en España unha edición de poesía que vende mil exemplares se considera un éxito, unha pregúntase cales son as razón que atraen a tanta xente. E son varias.

Trátase dun poema confesional que presenta unha historia de amor como verdadeira identificando protagonista e autor, que ademais recita o poema, e dá mostras dos síntomas da enfermidade, con repeticións que poeticamente funcionan ben e con xestos que potencian a paixón das palabras. Á xente gústalle o striptease emocional.

O poema está ben construído. É narrativo, conta con bo ritmo unha historia completa con principio, nó e desenlace emotivo. Todo iso faino atractivo para unha gran maioría, pero penso que a razón fundamental do éxito é unha mistura de compaixón e identificación do público co autor. Compadecémolo, pero tamén nos sentimos implicados. ¿Quen non se sentiu algunha vez como este pobre rapaz que, vencendo a súa obsesión por pechar dezaoito veces a porta, acaba deixándoa aberta por se ela quere volver?

Aquí vai o enlace de Internet, por se lles interesa:

http://www.biobiochile.cl/2013/08/23/el-poema-de-amor-de-un-obsesivo-compulsivo-que-se-multiplica-en-redes-sociales.shtml