O día que nace o Diaño

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS CELTAS CORTOS

OPINIÓN

25 ago 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Certa tradición popular afirma que tal día coma onte, 24 de agosto, día de san Bartolomeu, nace o Diaño, igual que na noite do 24 de decembro nace Xesús de Nazaret. Uns din que nace ese día e outros que o prenden ese día, logo de andar ceibo polo mundo o resto do ano facendo das súas. Debemos supoñer que o Diaño do conto é o tal Luzbel, Abbadón, Asmodeo, Mammom, Leonardo, Geriom, Mefistófeles, Moloch, Samael, Valafar, ou os mil nomes (as mil caras) que, segundo Vicente Risco, presenta o Señor das Moscas. Por certo que na República Infernal disque teñen tamén tesoureiro, encargado de negocios e apaños varios, Astaroth, e un especialista en publicitar placeres e corruptelas, que seica atende polo nome de Nybras, e mesmo un embaixador en Rusia chamado Rimmon, tamén coñecido por Damas. Estas eran as cousas que divertían a Cunqueiro. E que asustaban a don Vicente.

En Pontevedra sacan o Diaño Maior polo campanario da igrexa de san Bartolomeu o 24 de agosto. Meu pai contaba que en sendo el un rapaz un sancristán da familia facía ese papel. Vestía de colorado, debruzábase na baranda dunha das torres e poñíase a berrar e a botar aturuxos coma un entangarañado. Os rapaces asubiaban, guindábanlle pedras, e el respondía con melindres e rosquillas. Logo veu o franquismo e prohibiu a representación. Nos últimos anos a administración do BNG recuperouna.

En Meira do Morrazo tamén andan nestas. Na capela de san Bartolomeu, vella devoción da ría, os paisanos ían á igrexa de mañá poñer unha candea ao santo e outra, máis ou menos disimulada, ao Príncipe das Profundidades. No sei como será nestes tempos, pero ata hai pouco a devoción (e o dobre xogo) estaba vivo, e os máis ricos do lugar, ou os que viñan de fóra e traían cartos dalgunha marea, xa non digo outros negocios, deixaban a carón da candea un billete de mil pesetas: a candea para o santo e o billete para a quen puidese corresponder. O mundo anda revolto, e na crise que nos zarandea non sempre sabemos de onde tira o aire.

Algo máis dunha ducia de topónimos (aldeas e accidentes xeográficos) levan en Galicia esta devoción. O santo apóstolo, a quen disque esfolaron vivo en terras de Armenia, logo de predicar na India, igual que Santiago en Occidente, era entre nós padroeiro de curtidores, zapateiros e ás veces mesmo dos carniceiros. Tamén libraba dos males da cabeza e axuda nos meigallos. Pero o que máis interesa seica é o Diaño, que o mártir trae preso cunha cadea entre os pés, coma quen abaixa un can. O señor Mateo, que le todos os días o xornal e non para de se facer cruces diante das falcatruadas que corren polo mundo: preferentes das que xa ninguén quere dar conta, trazadores de vías rápidas, especuladores sen escrúpulos, mulleres escravas, armas de destrución masiva, listas do paro?, en chegando a mañá da onomástica, bota as contas do ano, achégase á capela da ría e, logo de prender a candea, pousa un billete de dez euros entre as poutas do Rabudo. «Anda, carafio, que ben que o levas gañado».