Os abrazos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Son necesarios. Tan imprescindibles como aire mar lume luz. Hai abrazos que damos con dedos de pianista e outros, robustos, son fogoso volcán. Hai abrazos que se piden e outros que damos para non pedir. Abrazos de loucura e outros que serenan. Abrazos que danzan na pólvora das despedidas e que quedan con Nós polos séculos dos séculos amén. Abrazos de melocotón que baixan gorxa abaixo, peito, ventre, pube e percorren a pel: un sinónimo da alma, como ben saben os cómplices desta columna rara. Abrazos que dignifican porque son dignos. E outros que non son abrazos: hipócritas, cínicos, cosméticos. Abrazos que cargamos na mochila dos días e regalamos. Abrazos que nos fan chorar de alegría e outros de «negrador». Abrazos para compartir o que somos: humanos. Abrazos de chocolate, que lambemos, e outros de gin lemon de agosto dunas adentro, onde a melancolía é a última patria dos últimos ilusos: sobrevivindo. Levo comigo un ramo de abrazos e sempre os escribo neste «De bar en bar», con espello ao fondo, onde remiro interiores. Pregúntome se chegan a ti estes abrazos. E por resposta obteño, silentes, outros abrazos. Abrazos para resucitar e abrazos que distancian a tristeza. De reencontro, amizade, ardor. Abrazos que se dan cos ollos e outros cos labios, bicadores, bandeira de todos os milagres. Abrazos que desintoxican: fútbol amigos viño mantel. Abrazos que gravo letra por letra como unha canción de amor. Aquí quedan mil abrazos, polo menos, para compartir e propagar. Son necesarios. Aire mar lume luz. Boaventura para os que abrazan: elas e eles, só, serán abrazados. Abraza. E vivirás.