Causalidades

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

18 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

En certa ocasión, a un zar ruso chegoulle a información de que a provincia do seu imperio máis afectada polas enfermidades era tamén na que había un maior número de médicos. Inmediatamente, mandou matar a todos os médicos. O zar, por moi ben intencionado que estivera, confundiu a existencia real dunha correlación (unha correspondencia entre dous datos, o número de doenzas e o número de médicos) coa suposta existencia dunha causalidade (a de que ao haber máis médicos producíanse máis enfermidades). Como resulta fácil de comprender, a existencia dunha correlación non explica cal é a dirección causal entre ámbalas dúas variables; nin sequera se hai unha terceira variable que explicaría os feitos (por exemplo, a existencia de epidemias endémicas nesa provincia) e que provocaría que non se dese ningunha relación de causalidade entre as dúas primeiras variables que se correlacionan.

Ao igual que o zar, hai quen pensa (incluso nas direccións dos partidos políticos) que nos sistemas democráticos, a maior gasto electoral se obtén un maior número de votos. De feito, entre os tópicos máis estendidos en torno ás eleccións figura o de que gastando máis cartos se obteñen mellores resultados ou, simplificando, que con cartos se compran as eleccións. E ao igual que no caso do zar é certo que é habitual a existencia dunha correlación entre gasto electoral e resultados (quen gaña as eleccións adoita gastar máis na campaña); máis tamén o é que esa correlación non conleva unha relación de causalidade. Así o demostra Steve Lewitt, o economista que en colaboración co xornalista Stephen Dubner escribiu Freakonomics, un éxito de vendas que popularizou recentemente entre o gran público a concepción da economía como unha forma de analizar o mundo cunha ferramenta básica: os incentivos son a base da vida social.

En diversos estudos, Lewitt analiza as case mil eleccións celebradas entre os mesmos dous candidatos ao Congreso dos Estados Unidos para concluír que a cantidade de diñeiro que se inviste na campaña apenas inflúe no resultado electoral: un candidato vencedor pode reducir á metade o gasto electoral, que como moito perderá un 1 % dos seus votos; e, en senso contrario, un candidato perdedor que duplica o seu gasto na campaña pode obter como moito un 1 % adicional de votos. A conclusión de Lewitt é que o que realmente importa para un candidato non é canto gasta, senón quen é: un bo candidato gañador sempre ten máis votos porque é intrinsecamente atractivo, e por iso non só ten máis votos senón, tamén, máis apoios de todo tipo. Unha excelente nova para os que cremos na democracia representativa.

Hai poucas semanas o Consello de Contas de Galicia fixo público o seu informe de fiscalización dos gastos electorais das autonómicas do 2012. Nel se aprecia que o conxunto da oposición gastou case un 60 % máis que o partido vencedor. E o que é máis interesante, na medida en que corrobora a afirmación de Lewitt en relación coa importancia do candidato: a terceira forza en resultados, que competía como tal por vez primeira pero co candidato que máis veces concurrira ás eleccións autonómicas, obtivo practicamente un 30 % máis de representación que a cuarta forza parlamentaria (que estreaba cartel electoral), pese a ter gastado un 10 % menos de recursos. E é que, como sosteñen Lewitt e Dubner, ao final uns políticos e as súas propostas teñen un atractivo para os votantes do que outros, simplemente, carecen; e «ningunha suma de diñeiro pode facer moito por cambialo».

O que a súa vez pode axudar a comprender, ante esa incapacidade de atraer aos votantes, que é o que leva aos candidatos perdedores a caer na tentación, como o zar no seu día, de tratar de matar aos candidatos vencedores. Un matar entre aspas, ou metafórico, ou político; por suposto.