¿A quen lle estraña?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai pouco debatía cunha coñecida se deixar que os bebés mamen da teta se non choran por fame. Ela defendía que os nenos non choran por capricho senón por necesidades biolóxicas. Eu, que creo na disciplina mesmo para impartir mimiños, dicíalle que esa é unha forma de conducirnos a ser escravas dos desexos dun ser irracional baixo a premisa de que as mellores nais son aquelas que logran ter cos fillos unha relación puramente instintiva. O exemplo (créanmo) son as mulleres bosquimanas e as chimpancés. «¿Que foi antes, a teta ou o chupete?», dixo. O chupete é á crianza o que a conquista do espazo á astronomía, mesmo á astroloxía, pero, empecinada como estaba en que o chupete é velenoso e eu unha infanticida, fuxiu de min.

Prolifera ultimamente un pseudoecoloxismo de bebés que maman a demanda rodeados de plástico e celulosa. Así, moitas mulleres optan pola «crianza natural» que ás veces criminaliza ás que non deixan de traballar ou optan polo biberón, ese utensilio demoníaco. As consecuencias xa se aprezan: segundo unha enquisa recente, un de cada catro mozos cre que as mulleres debemos deixar o traballo ao empreñar, así que os roles volven ser o pai no traballo e a nai na casa. ¿Onde quedamos quen consideramos que o exemplo que queremos dar aos fillos, e sobre todo ás fillas, é o de persoas para as que ser nais é só unha faceta máis do desenvolvemento como mulleres? Con esas estatísticas, ¿a quen lle estraña que as actitudes machistas repunten entre os novos? ¿A quen lle estraña que sigan sendo as nais as que deixan o traballo nunha porcentaxe máis alta cós pais? Non sempre os empresarios son os culpables da discriminación laboral das mulleres.