Katherine Graham

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1998 tiven o honor e o privilexio de publicar en Alianza Editorial a biografía desta muller (Una historia personal) que daquela xa cumprira 80 anos, chea de vitalidade, encarnación das esencias do xornalismo máis prestixioso e prestixiado: xornalismo como aventura, desafío, intelixencia e compromiso social. Aínda hoxe recomendo aos meus alumnos a lectura do libro.

A Graham, como todo o mundo a chamaba, fíxose cargo do The Washington Post en 1963, logo do traumática morte (depresión e suicidio) do seu esposo, Philipe Graham, co que casara en 1944. Aínda que ela se licenciara en xornalismo pola Universidade de Chicago (1938) e viña exercendo a profesión dende había anos, o seu pai, que adquirira o Post en 1933 practicamente en bancarrota, entrega daquela a dirección executiva do rotativo ao seu home, non con moita máis experiencia, vencellado aos círculos kennedianos, o que relega a Katherine á condición de ama de casa e nai de familia, arredándoa da actividade profesional.

Cando falece Philipe Graham, co xornal novamente en dificultades, todo o mundo lle aconsella que venda. Era a solución máis fácil. ¿Que podía ofrecer unha muller das súas características? Mais contra todo pronóstico, e non sen certa crise de identidade persoal, Katherine decide asumir a aventura do periódico. Contrata a Ben Bradlee, que viña do Newsweek, a quen ofrece a dirección da nova etapa, e asume ela a figura de editora. Aconsello tamén a biografía de Bradlee, que publicou en España Alfaguara (Vida de un periodista).

O tándem Graham-Bradlee é un capítulo fundamental, extraordinariamente brillante, da historia do xornalismo contemporáneo. En 1971 publican no Post os papeis secretos da guerra do Vietnam, enfrontados á Administración Nixon, e un ano despois apoian xuntos o traballo dos reporteiros Carl Bernstein e Bob Woodward (o caso Watergate) que constitúe unha das páxinas máis arriscadas e exemplares do xornalismo de investigación, que hoxe se estuda en todas as facultades do mundo. O Post convértese daquela no gran símbolo do discurso libre do xornalismo, ao servizo da verdade e dos lectores, e mais nunha indiscutible cabeceira de referencia. Así ata os nosos días, que acaba de ser adquirido por Jeffrey Bezos, propietario de Amazon, a gran empresa de comercialización na Rede, outro dos grandes símbolos do noso tempo. Van cuarenta anos dende entón. Cuarenta anos cheos de mudanzas e vertixe.

A propiedade do Post, logo de 80 anos de historia, deixa de pertencer á familia Graham (Donad Graham, ata hai uns días director executivo do xornal é fillo de Katherine) e pasa ás mans do líder do comercio on-line. A distribución masiva de productos fronte á produción de contidos. ¿Alianzas irremediables? Posiblemente. Son os tempos. Mais o que quero salientar nesta crónica é a memoria daquela muller que, contra todo pronóstico e desatendendo todos os consellos, asumiu o risco e, dende a súa condición feminina, protagonizou algúns dos grandes momentos deste oficio. Faleceu en xullo do 2001. Non sei o que pensaría de todo isto.