Polos que non saben pedir, pido. Polos que caen, para que se levanten. Polo primeiro amor, nube tigre lis, e polo último. Polos que agardan. Por Borges, rei, que repousa no ceo do setentrión: «Hay derrotas que tienen más dignidad que las victorias». Polas cicatrices: para non olvidar. Por cada minuto de absoluta tristeza: porque pasará. Pola beleza: para que non falte. Polos amores perdidos, que nos fixeron ganar segundos de tenrura. Pola imaxinación. Polos que seguen o camiño do corazón. Polos que seguen o corazón e non encontran o camiño. Polos namorados e namoradas do planeta: porque son os que pintan de cor azulísima o mundo. Polos que cren, pese a todo. Polas lágrimas de emoción. Polo ardor fervor paixón. Polos abrazos de verdade (e en contra dos abrazos de mentira). Polos que piden a paz, polos que dan a paz. Polos que saben escoitar. Pola amizade: porque sen os amigos un vive peor, e gris, e menos. Polos que non abandonan. Polos que regresan. Polos que non cambian. Polos que si: «O sabio pode mudar de opinión; o necio, nunca» (Kant). Polos que aprenden dos fracasos: porque son os únicos que non fracasan. Pola ilusión, esa palabra que levan na pel os cómplices desta columna. Polo amor que quedou varado, praia sen mar, unha noite de lúa. Polos pecados cometidos e a noctámbula loucura e os bares e os gatos que pisaban, poeta en extravío, barrio melancolía. Polos enfermos que coñecen o averno (e a esperanza). Polos que non renuncian e polos que saben renunciar. Polos que escriben poemas de amor, pese a todo. Polos que cantan. Pola alegría. Por ti. Polos que non saben pedir, pido.