Máis ca un nome

María Canosa< / span> PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 ago 2013 . Actualizado a las 11:26 h.

Hai lugares pequenos que se fan moi grandes nalgúns corazóns. Así me pasa con Lires, onde naceu miña nai. É pequeno, pero abrangue todo o meu universo, a esencia dun mundo.

Alí é onde aprendín que quen non ten nada reparte con todos, e que os corpos máis fráxiles poden chegar a ser os máis fortes. Estes días acórdome moito deste lugar, porque o asocio a Angrois. Por Lires non pasa ningún tren, pero téñense vivido pequenas traxedias, a escala menor. E sempre saíron os veciños a socorrer a coñecidos e alleos. Sempre. Fose a causa que fose.

Non é primeira vez que Galicia está de loito. Pero o importante é que continuamente está de loita. É o único xeito de erguernos, despois de tantas veces que nos fixeron caer. E como xa é un hábito, podería pasar desapercibido en calquera mapa. Apenas unha presada de xente o botaría en falta se non aparecese. Pero ese mesmo nome foi indispensable para a supervivencia dalgúns pasaxeiros do fatídico Alvia, e inesquecible para todos ese 24 de xullo.

Non entenden que sorprenda tanto o carisma, porque aquí, pensan, somos así. Sen darlle máis voltas. Sen pregues. Sen dobreces. Porque non os hai. Por iso tamén queren deixar a un lado todas as polémicas. Ademais de vítimas, atenderon a medios, políticos, autoridades e todo o demais cando foron requiridos. E non levantaron a voz cando os silenciaron, cando obviaron a súa presenza.

Angrois é moito máis ca un nome. É un mundo. Que por certo, sempre viviu tranquilo. Por favor, déixenlles volver ao sosego.