Crer pouco en todo

OPINIÓN

Non hai dúbida de que o ser humano, en situacións límite, ten necesidade de crer en algo. Isto pensaba o luns pasado, en Santa Marta de Ribarteme, ao ver pasar a procesión de cadaleitos con mortos vivos dentro. A tirapuxa entre a vida e a morte de certo que pode ser unha desas situacións límite.

É visto que temos os humanos un fondo irracional que convive coa nosa capacidade de raciocinio. A nosa racionalidade (da que estamos moi seguros pero que a miúdo lle gaña o noso compoñente irracional) desaparece, eslúese e eváese en supostos de moita menor entidade que unha situación límite, como poden ser a morte, a saúde e demais bens fundamentais, sen os que a nosa vida ás veces pode nin ser merecente de ser vivida.

Non sei se é imaxinable unha maior irracionalidade que os ofrecementos dietéticos para a perda de peso, aínda en publicacións serias, e que seguen miles de persoas, dunha popularidade moi superior á dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme, con seguidores cegos que se ofenden se un deixa caer algunha ironía sobre os milagres prometidos, case unha relixión cos seus dogmas e crentes.

O ser humano vive asolagado na mercadotecnia, dende os alimentos de cada día ata os deportes, a política, o seu lecer... a vida enteira. Poucos teñen a capacidade, as defensas, a independencia de criterio para non se deixar levar polos seus aloumiños e agarimos. É o ambiente natural que respira.

Para os que cremos pouco en todo, a suposta irracionalidade dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme non semella superior á dos que agardan milagres de dietas ás veces absurdas e demais engados que aguilloan o lado irracional do ser humano. É visto que ser verdadeiramente libres constitúe toda unha disciplina á que non moitos chegan.